Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sánchez propón á UE acabar co cambio de hora en 2026: "Xa non ten sentido"

Sánchez propón á UE acabar co cambio de hora en 2026: "Xa non ten sentido"

O presidente pídelle ao Consello Europeo que acabe con esta media que apenas axuda a aforrar enerxía e ten un impacto negativo na saúde e na vida das persoas

Marta Fernández/Europa Press Marta Fernández/Europa Press
G24.gal 20/10/2025 08:30

O presidente do Goberno Pedro Sánchez propoñerá este luns no Consello Europeo acabar co cambio de hora estacional. Esgrime que xa non ten sentido, que apenas axuda a aforrar enerxía e mesmo ten un impacto negativo na saúde e na vida da xente.

Nun vídeo publicado na rede social X, o xefe do Executivo lembrou que esta semana se pasará do horario de verán ao de inverno, e asegurou que non lle ve sentido a atrasar e adiantar as agullas do reloxo dúas veces ao ano.

"En todas as enquisas en que se lles pregunta, os españois e os europeos de maneira maioritaria están en contra de cambiar o horario. Ademais, a ciencia dinos que xa non supón un aforro enerxético, e dinos que trastorna os ritmos biolóxicos dúas veces ao ano", explicou.

Por ese motivo, Sánchez anunciou que este luns o Goberno de España propoñerá no Consello Europeo que se faga valer unha votación do Parlamento Europeo de hai seis anos na que se optou por acabar co cambio horario para que se deixe esa práctica en 2026 e se poña en marcha o mecanismo de revisión competente no Consello de Enerxía.

"Que é a política útil? Pois a que escoita os cidadáns, tamén a ciencia, e o leva á súa lexislación", conclúe o presidente na súa mensaxe.

Expertos piden manter o horario de inverno

A Sociedade Española do Sono (SES) celebrou a proposta do presidente do Goberno.

Neste sentido, espera que o do próximo sábado sexa o último axuste e que a partir dese momento se manteña de forma permanente o horario de inverno (GT+1) porque promove un ritmo biolóxico máis estable que o do verán, o cal contribúe a mellorar o rendemento intelectual e a diminuír a aparición de enfermidades como as cardiovasculares, a obesidade, o insomnio e a depresión.

Sería así o máis beneficioso para a poboación, especialmente para os grupos máis sensibles aos cambios de hora e a padecer trastornos do sono e da saúde: os nenos e as persoas de idade avanzada.

O control do sono, explica a sociedade científica, corre a cargo dun reloxo interno situado no cerebro que depende de factores externos como a temperatura e a luz.

Aínda que sexa só unha hora, este cambio é capaz de alterar o tempo de exposición ao sol durante o día e desequilibrar ese reloxo interno, que tarda varios días en reaxustarse, o cal dá lugar a que durante os primeiros días despois algunhas persoas poidan referir irritabilidade, falta de concentración, baixo rendemento laboral e insomnio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade