Feijóo presenta programa electoral e denuncia unha "pinza" do PSOE e Vox contra o PP
O líder do PP quéixase de que "cambian o sentido do que di" para destruír a oposición e apunta a Sánchez
Asegura que o 28-M o dilema está en apostar pola continuidade ou por "deixar atrás a frivolidade e o radicalismo"
En Guadalaxara o PP presentaba en sociedade o seu programa para as eleccións municipais e autonómicas de maio, e Núñez Feijóo asegurou que constitúe un compromiso de "palabra dada" para non fallar aos españois. O líder do PP dixo que este manual xorde dun proceso de escoita da cidadanía para resolver os problemas da España real:
"Porque sabemos que este ano os alimentos subiron máis dun 16 %, porque sabemos que hai douscentos ou trescentos euros máis cada mes para pagar a mesma hipoteca, porque sabemos que moitas familias españolas pasaron frío este inverno".
Feijóo fixo un repaso da política do Goberno de Sánchez e foron desfilando referencias como os cambios nos delitos de sedición e malversación, a lei do só si é si ou o caso Tito Berni. Nesa liña, sinalou que en maio os españois enfróntanse a un cruzamento de camiños no que teñen que escoller:
"Van escoller continuar coa política que sufrimos, si, que sufrimos durante os últimos anos, que nos levou a unha degradación económica, institucional e social, ou cambiar. Cambiar e deixar atrás a frivolidade, o populismo e o radicalismo".