Publicador de contidos

Publicador de contidos

Consumo obrigará as compañías telefónicas a bloquearen as chamadas comerciais non consentidas

Consumo obrigará as compañías telefónicas a bloquearen as chamadas comerciais non consentidas

As empresas estarán obrigadas a identificar as súas chamadas comerciais cun código numérico específico

Consumo introducirá, ademais, outra emenda para declarar nulos todos os contratos que se subscriban a través de chamadas telefónicas non consentidas e para obrigar as empresas a renovaren cada dous anos o consentimento do usuario para recibir chamadas

G24.gal 13/05/2025 08:22

O ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, Pablo Bustinduy, anunciou este luns un cambio normativo para impedir as chamadas spam, mediante o cal as compañías telefónicas deberán bloquear as chamadas comerciais non consentidas. En concreto, Bustinduy explicou nunha entrevista en Hora 25 da SER, recollida por Europa Press, que o ministerio introducirá unha emenda á Lei de Servizos de Atención á Clientela para que as empresas estean obrigadas a identificar as súas chamadas comerciais cun código numérico específico e para que as compañías telefónicas bloqueen todas as chamadas de empresas que non usen ese código.

Consumo introducirá, ademais, outra emenda para declarar nulos todos os contratos que se subscriban a través de chamadas telefónicas non consentidas e para obrigar as empresas a renovaren cada dous anos o consentimento do usuario para recibir chamadas.

Máis avance na protección das persoas consumidoras

Estas dúas emendas á lei SAC que deu a coñecer o ministro Bustinduy súmanse a outras realizadas a esta mesma lei que se fixeron públicas a semana pasada, tamén rexistradas por Sumar e PSOE á proposta de Consumo. Entre elas, regular as subscricións para evitar renovacións automáticas non desexadas. Neste sentido, as empresas estarán obrigadas a comunicar con quince días de antelación a data de renovación dun servizo ou subscrición que fose contratado en liña e deberán facilitar a baixa voluntaria no caso de que se desexe.

Así mesmo, poñerá couto ás recensións falsas que se publican en liña. É dicir só se poderá publicar unha recensión nos trinta días posteriores á compra do ben ou uso do servizo, para garantir que se corresponde coa opinión real e recente dunha persoa que consumise ese ben ou servizo e para evitar a compravenda de recensións, algo que xa prohibe a Lei de Consumidores e Usuarios.

Ademais, a empresa que recibe a recensión terá garantida a posibilidade de réplica e de solicitar a eliminación desta cando poida acreditar que non é real, ben porque pode demostrar que quen asina a recensión non comprou o produto ou fixo uso do servizo, ben porque pode demostrar que o contido desa recensión non é verídico.

Por último, os gastos de xestión deberán incluírse no prezo que se ofrece. Así, as empresas estarán obrigadas a incluír, desde o principio, o prezo definitivo e final dun ben ou servizo que ofrece ao consumidor en liña. Desta maneira, evítase que as empresas comuniquen prezos desagregando cifras e mesmo en distintos momentos do proceso de compra, como ocorre, por exemplo, cos gastos de xestión na compra dunha entrada ou un billete.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade