Feijóo di que Sánchez debe dimitir xa e non presentará unha moción de censura sen apoios
Dixo que afirmar que Sánchez non sabía nada é unha forma de rirse a gargalladas dos cidadáns deste país
Sumar esixe un reseteo da lexislatura e un novo marco de relacións co PSOE
O líder do PP Alberto Núñez Feijóo criticou duramente este xoves que o presidente do Goberno Pedro Sánchez vaia de vítima e pretenda librarse da responsabilidade tras o informe da Unidade Central Operativa (UCO) que relaciona a Santos Cerdán, xa exnúmero tres do PSOE, coa cobranza de comisións.
Feijóo asegurou que as explicacións do presidente do Goberno Pedro Sánchez sobre o papel de Santos Cerdán son insuficientes e decepcionantes.
O líder popular considera que cando están sendo investigadas moitas persoas da contorna de Sánchez, é evidente que o problema é o presidente.
Tamén cualificou de fuxida cara a ningures a comparecencia de Sánchez e asegurou que cambiar a Cerdán por outro tampouco servirá, porque quen debe caer é o número un.
Feijóo insistiu en que Sánchez non pode pretender sobrevivir politicamente a Ábalos primeiro e a Cerdán despois e cargou duramente contra o Executivo afirmando que a corrupción xa é a marca de auga deste Goberno.
Ao seu entender, debe dimitir xa, e descartou a posibilidade de presentar unha moción de censura sen apoios. "Non lle vou dar un balón de osíxeno para que o ratifiquen como presidente do Goberno de España", declarou Feijóo.
Ademais, convidou os socios do PSOE a reflexionaren ante as informacións de presunta corrupción que se están coñecendo, porque agora teñen que dicir se queren seguir sendo cómplices.
Feijóo afirmou que é imposible que Sánchez non coñecese o que facían o exministro José Luis Ábalos e Santos Cerdán, que ocuparon ambos a secretaría de Organización do PSOE.
Ademais, mostrouse convencido de que os españois se senten igual de insultados ca el, porque dicir que non sabía nada ata esta mañá é unha forma de rirse a gargalladas dos cidadáns deste país.
O xefe da oposición afirmou que Pedro Sánchez ten que dimitir xa e nin sequera merece as semanas necesarias para que se produza nunha moción de censura. "Nunca ocorreu isto no noso país", salientou.