Feijóo: "A defensa das institucións é incompatible con militar no PSOE"
Feijóo: "A defensa das institucións é incompatible con militar no PSOE"
O líder do PP di que defenderá "a igualdade de todos os españois" ante a lei, aínda que lle custe a presidencia do Goberno
O candidato do PP á Presidencia do Goberno, Alberto Núñez Feijóo, lamentou este domingo as cesións que Pedro Sánchez está a facer aos partidos independentistas malia que “a igualdade dos españois” é un dos principios que diferencian “unha democracia dunha ditadura”.
No acto celebrado en Santiago de Compostela baixo o lema Pola Igualdade dos españois, o líder do PP insistiu en que a igualdade é a premisa baixo a que está a negociar a investidura e, por iso, vai defendela “custe o que nos custe, aínda que nos custe a presidencia do Goberno de España”.
Dixo que aspira a presidir un Goberno de “todos os españois” e non “dunha elite política concreta” como prevé facer, aventurou, Pedro Sánchez, quen, ao seu parecer, está “sometido a unha chantaxe”.
"Nunca en 45 anos tivemos que defender con tanta énfase un principio básico e fundamental que diferencia a democracia das ditaduras, que é a igualdade de todos os cidadáns e en consecuencia de todos os españois".
Censurou que a Constitución estea en risco “exclusivamente pola conveniencia persoal de Pedro Sánchez e de ninguén máis”, pois está a facer cesións que non caben na carta magna.
Segundo dixo, co obxectivo de manterse no poder, o candidato socialista permitiu que ERC “ditase o que se tiña que facer cos indultos e a sedición” e fixo campaña para que Arnaldo Otegui “teña opcións de ser lehendakari” e “non porque pedise perdón ás vítimas dos crimes da ETA”.
Convocatoria
O acto deste domingo en Santiago, con 1.500 persoas no Multiúsos Fontes do Sar, foi o preludio doutro que o PP celebrará o próximo 24 de setembro en Madrid como mostra de "rexeitamento" á amnistía.
Núñez Feijóo convidou “a todos os que queiran ir” porque “o que está a pasar en España” necesita dunha resposta conxunta de toda a cidadanía que se opón á esixencia dos independentistas a Pedro Sánchez.
Esta invitación faina extensible ás persoas apartadas do PSOE por distanciarse “da doutrina que toque no momento que toque” porque queren “arrecunchar a todos os que non lle dan a razón” a Sánchez.
“Expulsan os seus militantes, expulsan os seus dirixentes. Expúlsanos por defender a Constitución, expúlsanos dun Partido Socialista que xa non o é porque se converteu en partido elitista (...). A dignidade, a coherencia, o sentido común e a defensa das institucións xa son oficialmente incompatibles con militar no PSOE”, considerou.
Isto demostra que “agora xa non é o PSOE, agora é o partido sanchista que bota os que militaban no PSOE” nun escenario no que “perderon as eleccións, perderon a rúa e están a piques de perder os seus idearios”, expuxo.

"Ceder" en aras da igualdade
O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alfonso Rueda, lanzoulle unha mensaxe "clara" ao titular do Goberno estatal en funcións, Pedro Sánchez.
"Galicia non vai permitir que os Orzamentos Xerais do Estado sexan os orzamentos para atender as necesidades do PSOE para a investidura. En ningún caso e baixo ningún concepto".
Na súa intervención, asegurou que Galicia está disposta "a ceder" en aras da igualdade, pero dixo que "nunca vai permitir, nin tolerar, nin amparar" que outros "medren á súa costa".
"Non imos tolerar en ningún caso e baixo ningún concepto que nos quiten ese diñeiro aos que sempre fomos leais, rigorosos e cumpridores".