Publicador de contidos

Publicador de contidos

Familias galegas de acollida piden axuda para rescatar os nenos ucraínos que xa atendían

Familias galegas de acollida piden axuda para rescatar os nenos ucraínos que xa atendían

Un pai de acollida galego está na fronteira polaca para traer a nena que pasa con eles todos os veráns

Solicita donativos cos que fretar autobuses para asistir a maior cantidade posible de familias ucraínas

G24.gal 06/03/2022 14:38

"Viñemos aquí a Polonia na fronteira con Ucraína porque hai saídas inminentes tanto de Érika coma dos nenos dos arredores, fuxindo da guerra esta".

Samuel Vázquez é pai de acollida e membro dunha ONG que todos os veráns acolle en Galicia unha nena ucraína na súa casa, dentro dos programas de axuda á infancia dese país que se veñen realizando dende a traxedia nuclear de Chernobil.

Coa invasión militar rusa non o pensou, e dende onte está na fronteira polaca, esperando a chegada dun autobús procedente de Ucraína no que a pequena Érika tenta fuxir da guerra xunto con outros nenos e familiares.

"Os nenos están tardando como unhas vinte e catro horas en chegar dende o centro de Ucraína ata a fronteira porque o bus ten que ir coa luz apagada xa que lles poden disparar", afirma.

Este pai de acollida asegura que a situación na fronteira é sobrecolledora, cos albergues rebordados de nenos e nais ucraínos que buscan refuxio, e sen máis asistencia que a das autoridades locais. Por iso pide axuda.

"Desde a asociación estamos pedindo esa achega económica para fretar autobuses, gasolina para movernos e fundamentalmente para sacar os nenos de Ucraína cara a España", solicita.

A asociación "Infancia de Nad" ten unha páxina en Internet ( ongINFANCIAdeNAD.org) onde está aberta unha conta bancaria na que facer achegas económicas: ES86 2100 2808 5501 0068 4718. Rescatar da barbarie militar os máis vulnerables e acabar canto antes coa irracionalidade da guerra son agora as prioridades.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade