Familiares e achegados viven cun contraste de emocións a sorte dos náufragos
A filla do maquinista asume que os seu pai podería estar morto en Terranova
Moita ledicia no primeiro contacto dos amigos co sobrevivente ganés Samuel
Son a cara e a cruz dunha traxedia aínda rodeada de incógnitas. María Xosé de Pazo, filla do maquinista do Villa de Pitanxo, é unha voz reivindicativa que pide establecer protocolos claros para actuar no futuro en sinistros coma este. Sobre o seu pai, opta por un realismo sen autoenganos:
"Coñecendo o meu pai, non creo que estea dentro dos que saíron. Eu penso que sería dos últimos en saír, non sei se lle daría tempo".
Desde esa perspectiva desesperanzada, confía no alivio de ter o corpo do seu pai para calmar a incerteza:
"A pesar da perda, poder recuperar o corpo do meu pai e poderlle dar unha dignidade dunha sepultura e un último adeus toda a familia é para todos importante, pero especialmente para a miña nai, que a ten totalmente estragada este tema".
O reverso está nos que lograron sobrevivir en medio da fatalidade. Marta Piñeiro e amiga de Samuel Kwesi, un ghanés residente en Marín desde hai unha década. Os tíos de Marga son para Samuel algo así como a súa familia galega:
"Puiden falar con el a través do whatsapp e quería especialmente que o escoitaran os meus tíos, que son como os seus pais aquí. Cando o escoitaron, que foi a primeira vez que falamos, estaban emocionadísimos todos".
Samuel está a recuperarse do impacto emocional dunha desgraza vivida entre as ondadas e o vento implacable de Terranova:
"Samuel o que dixo é que estaba ben; miña tía, como boa nai, preguntoulle se estaba comendo, e díxolle que si, pero que antonte era a primeira vez que era capaz de comer, entendo que por toda a situación, o shock".
Algúns poderán relatar a súa versión do naufraxio ao regreso. Outros encontraron en Terranova o final a unhas vidas marcadas polo risco do mar