Publicador de contidos

Publicador de contidos

Faleceu Manuel Charlín, patriarca dun dos clans históricos do narcotráfico galego

Faleceu Manuel Charlín, patriarca dun dos clans históricos do narcotráfico galego

Tiña 89 anos e a súa traxectoria está marcada polo salto do contrabando de tabaco ao tráfico de droga

 Pasou vinte anos no cárcere tras estar implicado en numerosos delitos

G24.gal 01/01/2022 14:02

O nome de Manuel Charlín Gama marca toda unha época do narcotráfico en Galicia e define en boa medida a súa evolución. Unha parada cardiorrespiratoria e unha caída dentro da súa vivenda, en Vilanova da Arousa, acabaron coa súa vida. O levantamento do cadáver realizábase pasadas as nove da noite.

Charlín pasou do contrabando de tabaco a grande escala ao narcotráfico nos anos oitenta do século pasado. De feito, está considerado como un pioneiro da introdución de cocaína nas costas galegas e despois por actuar desde Portugal. O seu primeiro arresto foi con 26 anos, pero o mais soado lévanos a 1990 no marco da operación Nécora. Despois da celebración do mediático xuízo, catro anos despois, quedou absolto. Pero logo chegaron outros casos e en 1999 recibiu a maior pena: vinte anos de cárcere polo transporte de 600 quilos de cocaína desde Colombia. Entre as numerosas causas, figura tamén unha condena a 13 anos de prisión por branqueo de capitais. En total, pasou entre reixas dúas décadas.

Outra singularidade de Manuel Charlín vén determinada pola creación dun clan familiar con diversas ramificacións. En 1996 foran detidos case todos os seus membros e embargados os bens familiares por un valor duns 30 millóns de euros, entre eles a conserveira Charpo e o pazo Vila Real. Era o principio dunha serie de causas. Charlín tamén estivo en prisión provisional polo asasinato doutro narcotraficante, Manuel Baúlo, pero quedou sen probar a súa implicación.

Malia a súa avanzada idade, aínda tiña unha causa aberta por branqueo de capitais do clan familiar, que segue en fase de investigación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade