Falece unha persoa tras o afundimento dun barco no Grove
Falece unha persoa tras o afundimento dun barco no Grove
Outras dúas persoas que se atopaban na embarcación foron rescatadas por bateeiros da zona
Un mariñeiro de 75 anos morreu e outros dous, familiares do falecido, quedaron feridos no naufraxio dun barco no Porto de Meloxo, no Grove (Pontevedra).
🔴 #AXEGAInforma do falecemento dunha persoa tras o afundimento dun barco bateeiro no Grove.
— 112 Galicia (@112Galicia) December 12, 2024
📍 Porto de Meloxo.
➡️ Outros dous tripulantes da embarcación foron rescatados.
🚨 @salvamentogob, @GardacostasGal, @guardiacivil, #GESSanxenxo, Policía Local e Protección Civil. pic.twitter.com/AxC7JqPIGB
Do suceso informou o 112 Galicia a través da súa conta de X e confírmase que o aviso do afundimento deuno un particular ás 9 e media desta mañá, cando o barco regresaba a porto, explicando que había dúas persoas fora da auga, sobre unha lancha, e unha desaparecida, todos eles membros da sociedade cooperativa Amegrove .
O operativo de rescate comprobou que a persoa desaparecida estaba dentro da embarcación, que xa tiña a proa completamente ao sol, e a única forma de localizala foi mediante a inmersión, na que se atopou o corpo sen vida do patrón, cuxo cadáver foi trasladado ata o peirao por outra embarcación, o Novo Moldes, para continuar co procedemento habitual de recoñecemento e identificación.
Os dous sobreviventes, pola súa banda, que presentaban un bo estado físico, foron trasladados a porto noutro barco, o Polaris, e recibiron asistencia especializada por parte dos médicos do centro de saúde do Grove.
"Puxemos barreiras e material absorbente, podemos dicir que neste momento está controlada a vertedura do barco naufragado e os recursos marisqueiros desta zona están a salvo", explica Amador Castro, xefe de Salvamento Marítimo e Gardacostas de Galicia.
O falecido é o patrón da embarcación, que ía acompañado a bordo pola súa filla e o seu xenro, que sobreviviron ao naufraxio.
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, quixo trasladar as súas condolencias á familia, "un accidente máis do mar, lamentablemente" cuxas causas aínda se están investigando.
"Unha mala estriba"
O alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, apuntou que "unha mala estiba" da carga de mexillón puido ser a causa do afundimento do barco e, en declaracións aos medios nun acto no Concello de Santiago, mandou as súas condolencias á familia da que dixo que é unha persoa "moi recoñecida e coñecida" no Grove e "moi vinculada ao sector bateeiro".
O rexedor engadiu que todo apunta que a pesar de que os tripulantes da embarcación eran “xente experimentada”, parece ser que unha “mala estiba da carga que traían do mexillón fixo un corremento e provocou o afundimento do barco".
Cacabelos opinou que esta é a hipótese máis probable, dado que as condicións meteorolóxicas eran "das mellores para traballar no sector bateeiro".