Publicador de contidos
Publicador de contidos

Falece unha muller no incendio da súa vivenda no Grove

Falece unha muller no incendio da súa vivenda no Grove

Seu marido tivo que ser evacuado cunha escaleira polo balcón do piso superior

Debido á intensa fumareda, cinco persoas foron trasladadas para recibir asistencia médica, catro ao PAC e unha a un centro sanitario

G24.gal 13/11/2024 08:25 Última actualización 13/11/2024 14:46

Unha muller faleceu tras producirse un incendio na súa vivenda. Os feitos ocorreron sobre as 23:20 horas deste martes na rúa Viña de Millán, no concello pontevedrés do Grove. A falecida tiña mobilidade reducida e atopábase no sofá onde se orixinaron as lapas. 

Trátase dunha casa unifamilar cun baixo e un andar. O residente na parte alta foi o que alertou ás forzas de seguridade porque había moito fume na planta baixa.

Durante a súa chamada o alertador explicou que conseguira saír ao balcón. Nos momentos posteriores, un familiar alertou tamén ao 112 Galicia dos feitos e confirmou que había unha muller no baixo da vivenda.

 

De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Salnés, do GES e de Protección Civil do Grove, do Servizo de Emerxencias de Sanxenxo e da Garda Civil. Ao mesmo tempo, informouse aos profesionais do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, por se resultara necesaria a súa intervención.

Ao fío da medianoite deuse por apagado o lume, que queimou un salón por completo e que se orixinou nun sofá, e confirmouse o falecemento dunha muller que foi localizada nesta mesma estancia.

Os servizos de emerxencias rescataron ao home cunha escada a través do balcón, e catro persoas máis que trataron de entrar na vivenda para axudar resultaron tamén afectadas por inhalación de fume.

Debido á intensa fumareda, cinco persoas foron trasladadas para recibir asistencia médica, catro ao PAC e unha a un centro sanitario. As catro persoas, que foron polos seus medios ao PAC, acudiron ao incendio para tratar de sufocalo.

A noticia causou unha gran conmoción entre os veciños e no mercado do Grove, onde a familia é moi coñecida polo seu negocio de venda de marisco.

O suceso mobilizou un amplo dispositivo do servizo municipal de emerxencias, varias patrullas da Garda Civil e a Policía Xudicial, que arestora investiga as causas deste incendio mortal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos