Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un home de 90 anos falecido e tres feridos graves tras unha colisión frontal no Corredor do Morrazo

Un home de 90 anos falecido e tres feridos graves tras unha colisión frontal no Corredor do Morrazo

Como consecuencia do impacto tivo que cortarse o tráfico no Corredor

G24.gal 29/04/2024 08:31 Última actualización 29/04/2024 14:14

Unha persoa morreu e outras tres quedaron feridas graves nun accidente de tráfico ocorrido pasadas as 23:00 horas deste domingo no Corredor do Morrazo á saída do túnel de Coiro, moi preto da saída cara ao lugar da Portela, en Cangas.

Foi unha colisión frontal de dous automóbiles, e como consecuencia do impacto foi necesario cortar o tráfico no punto, polo que Garda Civil de Tráfico e Policía Local de Cangas procederon a desviar os coches que circulaban pola zona.

Nun dos vehículos viaxaban tres persoas, e unha delas faleceu. Era un veciño de Cangas, de 90 anos, que viaxaba no coche como acompañante. A bordo do outro coche ía só o condutor. 

O 061 indica que os tres feridos foron trasladados ao hospital Povisa. Trátase dun home de 47 anos, outro de 28 anos e unha muller de 29 anos. Ata o lugar desprazáronse catro ambulancias, dúas delas de soporte vital avanzado.

Segundo informa o 112 Galicia, urxencias sanitarias deu aviso do accidente ocorrido antes do túnel de Coiro, en sentido Vigo, na vía CG-4.1. Entre outros, foron avisados Bombeiros do Morrazo, Garda Civil de Tráfico, Policía Local e Protección Civil de Cangas.

 

No lugar, membros do parque comarcal indicaron que un home faleceu no propio accidente. Ademais, foi necesario empregar o material de excarceración para liberar tres feridos.

Mentres continúan as investigacións para determinar as causas exactas do sucedido, todo apunta a que o condutor que ía só invadiu o carril do coche no que viaxaban tres persoas. É o segundo sinistro grave en menos de 48 horas neste corredor.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade