Falece Emi Atrio, cámara da TVG e referente do audiovisual galego
Durante máis de tres décadas, foi parte esencial de informativos e programas da CRTVG, sempre cunha cámara ao ombreiro e unha mirada sensible e profesional que marcou xeracións de contidos audiovisuais
A CSAG pon á disposición o enderezo dir.comunicacion@crtvg.gal para facilitar a comunicación a toda persoa, entidade ou institución que desexe trasladarlle condolencias á súa familia

A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) despide con fonda tristura o compañeiro Emi Atrio, cámara de primeira, reporteiro gráfico e unha das figuras máis queridas e recoñecidas da historia da televisión pública galega.
Incorporouse á TVG no ano 1989. Durante máis de tres décadas, foi parte esencial de todos os informativos e programas da CRTVG, sempre cunha cámara ao ombreiro e unha mirada sensible e profesional que marcou xeracións de contidos audiovisuais.
Especialista en retransmisións, Emi Atrio foi un dos profesionais máis valorados polos realizadores da Corporación, pola súa precisión técnica e a súa sensibilidade á hora de construír o relato visual.
Estivo presente en acontecementos históricos como a visita do papa Bieito XVI a Santiago en 2010, a saída da Volvo Ocean Race desde Sanxenxo e Vigo en 2005, o Europeo de Piragüismo no encoro de Verducido en 2007 ou os encontros da liga ACT de traiñeiras, que cubriu durante anos.
Pero a súa pegada traspasou os platós da televisión pública: Emi Atrio foi tamén un profesional moi valorado en todo o sector audiovisual galego, participando como cámara en producións de primeiro nivel como El desconocido (2015), Matalobos (2011), Ilegal (2003), Mr. Smith & Mrs. Wesson (2012), Padre Casares (2012), e nunha infinidade de galas, documentais e proxectos de ficción.
Natural da Coruña e veciño de Ames, tiña 58 anos. Estaba casado e tiña unha filla, á que dedicaba todo o seu tempo cando non estaba detrás da cámara.
Marcha un grande profesional, pero sobre todo un compañeiro moi querido, cun trato próximo, discreto e sempre comprometido co traballo ben feito. Queda o seu legado nas imaxes que contou e no recordo agarimoso dos que compartiron con el esta profesión.
Na Corporación poñemos á disposición o enderezo dir.comunicacion@crtvg.gal para facilitar a comunicación a toda persoa, entidade ou institución que desexe trasladarlle condolencias á familia de Emi a través de nós.