Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ampla despregadura informativa da CSAG con motivo da visita a España do papa León XIV

Ampla despregadura informativa da CSAG con motivo da visita a España do papa León XIV

Entre o 6 e o 12 de xuño, ofreceranse retransmisións na Televisión de Galicia e na Radio Galega e seguimento íntegro de todos os actos do Santo Padre a través de G24.gal

A programación especial comezará este sábado cun especial informativo, presentado por Marta Darriba, que incluirá os primeiros actos oficiais en Madrid

As claves da visita do papa León XIV a España

G24.gal 05/06/2026 12:35

A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia despregará unha ampla cobertura especial con motivo da visita do papa León XIV a España, entre o sábado 6 e o venres 12 de xuño, con retransmisións na Televisión de Galicia e na Radio Galega e seguimento íntegro a través de G24.gal, que ofrecerá todos os actos do Pontífice no noso país.

A programación especial comezará este sábado, 6 de xuño, coincidindo coa chegada do Santo Padre a España e cos primeiros actos oficiais en Madrid. A TVG ofrecerá un especial informativo na primeira canle, de 10:15 a 13:45 horas aproximadamente, presentado por Marta Darriba. A cobertura incluirá a chegada ao aeroporto Adolfo Suárez Madrid-Baraxas, a acollida oficial, a cerimonia de benvida no Palacio Real, a visita de cortesía ás súas maxestades os Reis, o encontro coas autoridades, a sociedade civil e o corpo diplomático, así como o discurso do papa. O dispositivo contará con colaboradores no estudio e conexións desde distintos puntos de interese, entre eles o Palacio Real e o aeroporto.

O domingo, a atención centrarase na principal celebración relixiosa da xornada en Madrid: a santa misa na praza de Cibeles e a posterior procesión do Corpus Christi entre Cibeles e Neptuno. A TVG emitirá un especial informativo entre as 09:50 e as 13:00 horas, presentado por Alberto Varela, que contará con colaboradores e conexións desde Cibeles e desde os grupos de fieis desprazados, e incluirá a misa, a procesión e a homilía do Santo Padre.

O luns 8 de xuño, as retransmisións xirarán arredor da actividade institucional de León XIV en Madrid, especialmente o encontro cos membros do Parlamento español no Congreso dos Deputados. Entre as 10:15 e as 11:15 horas, Marta Darriba presentará outro especial informativo con conexións co Congreso e outros puntos vinculados á visita. A Radio Galega tamén ampliará a súa programación informativa cunha extensión de ‘Galicia por diante’ ata as 11:15 horas, presentada por Luís Ojea.

A cobertura da visita papal retomarase o mércores, cunha programación especial centrada nun dos actos máis relevantes da visita a Barcelona: a santa misa na Basílica da Sagrada Familia e a inauguración da torre de Xesucristo. A TVG ofrecerá unha retransmisión especial, de 19:25 a 21:30 horas, con narración a cargo de Alberto Varela. A continuación, entre as 21:30 e as 22:00 horas, emitirase un ‘Telexornal Serán’ especial e ampliado, presentado por Pablo Muñoz, que conectará coa Sagrada Familia para cubrir a bendición e inauguración da Torre de Xesucristo.

O xoves 11 de xuño, a cobertura especial trasladarase ás Canarias, coa chegada de León XIV ao arquipélago e a Santa Misa no Estadio de Gran Canaria como acto principal. De 18:30 a 20:30 horas, a través da G2, os espectadores poderán seguir a celebración eucarística e a homilía do papa, que contará coa narración de Alberto Varela. A última xornada da visita, o venres 12, terá como eixe a santa misa no porto de Santa Cruz de Tenerife, antes da cerimonia de despedida e do regreso de León XIV a Roma. A segunda canle ofrecerá unha retransmisión especial, de 12:15 a 14:15 horas aproximadamente, tamén cos comentarios de Alberto Varela.

Ademais destas retransmisións específicas en televisión e radio, G24.gal ofrecerá en directo absolutamente todos os actos da axenda do papa en España, garantindo unha cobertura continua e completa da visita a través da plataforma dixital da Corporación. Deste xeito, a audiencia poderá seguir tanto os grandes actos institucionais e relixiosos como o conxunto da axenda oficial do Santo Padre durante a súa estadía en Madrid, Barcelona e as Canarias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade