Facenda avanza que o tributo ás grandes fortunas no que traballa será "temporal"
A ministra María Jesús Montero apunta que ese imposto vai na liña dos da banca e as enerxéticas por beneficios extraordinarios
A ministra de Facenda, María Jesús Montero, avanzou este xoves que o novo imposto para as grandes fortunas no que "o Goberno está a traballar" será "temporal", en liña coa proposta de Unidas Podemos e que entraría en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2023.
En declaracións aos medios nos corredores do Congreso, Montero defendeu a necesidade de "pedir un maior esforzo" a quen ten beneficios extraordinarios, como as empresas enerxéticas, e ás "maiores rendas".
Montero eludiu dar detalles sobre o eventual futuro imposto, porque "hai que deixar que os técnicos traballen", pero apuntou que sería temporal, igual que os gravames ás enerxéticas e a banca, que estarán vixentes dous anos.
A ministra tamén mostrou a súa intención de que o imposto estea en vigor a comezos do próximo ano, aínda que "haberá que ver a tramitación", e tampouco desvelou se se incluirá nos orzamentos de 2023.
Este imposto sería diferente do actual imposto de patrimonio, que grava os patrimonios por encima de 700.000 euros -excluídos 300.000 euros de vivenda habitual-, cedido ás comunidades autónomas e que Madrid (e proximamente Andalucía e Murcia) bonifica na súa totalidade.