A feira Expotaku celebra na Coruña o Día do Orgullo Friki
Esta mostra reúne en Expocoruña amantes da cultura pop, do universo manga e do anime xaponés
Na Coruña Expotaku celebra o Día do Orgullo Friki con máis de cen actividades e concursos que xiran arredor da cultura pop e do universo manga xaponés. Coma sempre, os disfraces dos cosplayers acaparan todas as miradas.
Expotaku é fantasía e liberdade, un espazo de encontro para os amantes da cultura pop en todas as súas formas e expresións polo que transitan personaxes de videoxogos e de series de anime.
Durante meses, os cosplayers traballan no deseño e na confección do traxe e dos complementos que despois locen na feira. Hai un grande espazo que reúne expositores comerciais, artesáns e ilustradores. Tamén hai concursos, xogos e talleres.
Expotaku ofrece máis dun centenar de actividades que conectan persoas con gustos e intereses compartidos e celebra sen complexos o Día do Orgullo Friki, que coincide hoxe porque un 25 de maio, hai xa corenta oito anos, se estreaba nos cines a primeira entrega da Guerra das Galaxias.