Publicador de contidos

Publicador de contidos

Éxito do cinema galego nos Goya 2022

Éxito do cinema galego nos Goya 2022

Chechu Salgado gaña na categoría de actor revelación

Triunfo da música de Zeltia Montes e da curta de Xose Zapata

Premios tamén para "Valentina" e "Tres", participadas pola TVG

Foto de familia ao final da cerimonia
G24.gal 13/02/2022 03:35

A noite valenciana foi pródiga en premios para as producións galegas. Chechu Salgado, natural de Sober, de 31 anos, fixo realidade o desexo de alzarse cun Goya polo seu papel na película Las leyes de la frontera, aproximación ao cine quinqui que triunfou nos 80.

É a primeira longametraxe en que participa o actor galego, que se formou en series como Serramoura ou Fariña. Na recollida do premio tivo palabras para parentes e amigos.

A gala dos Goya, que dirixiu o tamén galego Dani de la Torre, foi das máis longas, case tres horas e media de duración. Especialmente emotivo foi o premio para Zeltia Montes, compositora da banda sonora de El buen patrón, que se emocionaba falando da súa nai.

Participación da TVG

A ferrolá Chelo Loureiro, que no seu debut se alzou co premio á mellor longametraxe de animación por Valentina, unha nena con síndrome de Down, pediu normalizar as diferenzas e visibilizar as persoas con discapacidade.

O filme Tres, da produtora compostelá Frida Films, conseguiu o galardón ao mellor son. A cinta, dirixida por Juanjo Giménez, mestura diferentes xéneros, indo do terror psicolóxico ao puro drama.

Estas dúas películas, Valentina e Trescontan coa participación da Televisión de Galicia. 

Curta galega

Houbo premio igualmente para Xose Zapata, outro galego que leva anos na animación. Desta volta pola curtametraxe The Monkey, un relato ambientado no século XVI en que se critican o racismo e as discriminacións.

A pegada galega nos Goya complétase coa fermosa interpretación da Negra Sombra de Luz Casal, no momento máis triste, no recoñecemento aos falecidos nos últimos meses.

El buen patrón

A sátira laboral de Fernando León de Aranoa El buen patrón foi a gran triunfadora da noite. Levou seis premios dos máis importantes, un deles para Javier Bardem como actor protagonista, que tamén tivo palabras de lembranza para súa nai.

O Goya á mellor actriz foi para Blanca Portillo, polo seu traballo en Maixabel, fita baseada en feitos reais sobre a reconciliación entre a viúva de Juan Mari Jauregui e os terroristas que mataron o seu home.

Fracaso de Almodóvar

A gran derrotada foi a longametraxe de Pedro Almodóvar Madres paralelas, que marchou de baleiro, malia que chegara con oito candidaturas e coa aura das súas dúas candidaturas aos Óscar de Hollywood.

As linguas cooficiais, galego incluído, foron desfilando de boca en boca e multiplicarónse as alusións ao papel da muller. Tampouco faltou a referencia a Luis García Berlanga. Despediu Ángela Molina lembrando o que dicía o mestre: "O amor abre paso sen remedio na vida e no cine".

Chechu Salgado co seu Goya
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos