Exercicio de madurez do Breogán en Andorra (79-86)
Os lucenses sitúanse con once vitorias, metidos de cheo na pelexa por entrar en play off
O Breogán sumou a undécima vitoria da temporada. Colleitouna na pista de Andorra ao que lle gañou por 79-86 demostrando o grao de madurez que atopou o equipo de Mrsic neste mes tan cargado de partidos.
O Breogán estivo case todo o partido por diante aproveitando a ansiedade dun Andorra que pelexa por evitar o descenso. No primeiro cuarto, da man dun extraordinario Erik Quintela (8 puntos), o Breogán conseguiu acabar en vantaxe (21-23). O partido ía cun resultado moi igualado ata o final do segundo cuarto. Cun parcial final de 0-8 o equipo galego aproveitou para acadar unha máxima vantaxe de dez puntos (39-49).
O terceiro cuarto foi o máis discreto de ámbolos equipos. O Breogán puido manterse por diante no marcador co acerto de Musa, o único que vía o aro con facilidade (57-65) e gardando unha marxe de seguridade de oito puntos.
No último cuarto o Andorra tentouno de todos os xeitos e entrou nos últimos tres minutos con opcións (71-77) pero as canastras de Bell Haynes e Mahalbasic (71-81) acabaron por sentenciar a prol do Breogán.