Excarcerado o condutor dunha furgoneta tras un accidente en Begonte
Un coche e unha furgoneta colidiron na LU-541, na parroquia de Felmil
O condutor dunha furgoneta tivo que ser excarcerado este xoves en Begonte (Lugo) tras verse involucrado nun accidente de tráfico na estrada LU-541, no punto quilométrico aproximado 5, ao seu paso pola parroquia de Felmil.
Segundo informou o 112, foi o propio sistema de emerxencias dun dos vehículos implicados o que alertou ao servizo dunha colisión entre un coche e unha furgoneta, indicando ademais a posible presenza de persoas feridas e atrapadas.
No operativo participaron os bombeiros de Vilalba, o GES de Friol, a Garda Civil de Tráfico e o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Xa no lugar, os equipos de intervención confirmaron que nun dos vehículos non foi necesaria a excarceración, aínda que si tiveron que axudar aos ocupantes para saír ao non poder facelo polos seus propios medios. O condutor da furgoneta si tivo que ser excarcerado.