Un incendio obriga a evacuar o tren rexional Santiago-Ourense en Lalín
As lapas queimaron por completo a unidade pero os pasaxeiros, que resultaron ilesos, completaron a viaxe en autobús
O tren rexional que realiza o traxecto Ourense-O Carballiño-Santiago comezou a arder esta tarde cando estaba nas proximidades da estación de Botos, en Lalín, onde se detivo.
No apeadoiro lalinense desembarcouse a pasaxe sen ter que lamentar danos persoais, aínda que si importantes estragos materiais, sobre todo no vagón dianteiro.
Tres equipos do parque intercomarcal de bombeiros desprazáronse ata o lugar do sinistro para sufocar o incendio.
O maquinista detectou unha incidencia na presión hidráulica e interrompeu a viaxe para realizar comprobacións. Os técnicos desprazados ata Botos indican que todo apunta a que o fogo comezou no sistema eléctrico dunha das unidades.
O tren, con dous vagóns, foi desaloxado por completo antes de que as lapas se estendesen.
Despois Renfe xestionou o traslado por estrada en autobús dos 47 viaxeiros ao seu destino final, igual que os pasaxeiros que agardaban en Compostela na estación para viaxar cara a Ourense.
A unidade afectada pola avaría comezou a botar fume e terminou arrasada polas lapas. O mesmo tren tiña previsto tras chgar a Santiago cubrir o traxecto de volta Santiago-Ourense con 65 viaxeiros, para os que se fletou un autocar. Fororn así os únicos dous servizos afectados polo incidente.
Renfe tiña previsto retirar o vehículo das vías e restabrecer o servizo con normalidade.