Europa apoia un proxecto galego para estudar o uso do ARN mensaxeiro contra o cancro
Europa apoia un proxecto galego para estudar o uso do ARN mensaxeiro contra o cancro
A axuda está destinada a confirmar os resultados de laboratorio para poder realizar a transferencia a nivel industrial
É un proxecto de ciencia disruptiva con novos métodos e tecnoloxías que poden revolucionar as terapias no futuro
Unha investigación do CiQUS de Santiago convértese na lanzadeira europea para investigar o uso de ARN mensaxeiro en terapias contra o cancro. O equipo galego, liderado polo doutor Javier Montenegro, acaba de conseguir unha bolsa do Consello Europeo de Innovación. É a maior contía concedida para un período de tempo máis curto.
É o que denominan un proxecto de ciencia disruptiva: novos métodos e tecnoloxías que poderían revolucionar as terapias no futuro. Un aspecto que suma aínda máis emoción a este grupo investigador da USC, despois do logro de pasar tantos filtros e de seren escollidos para a axuda do Consello Europeo de Innovación entre centos de aspirantes do máximo nivel.
"Para nós significa ter o apoio económico para poder levar adiante o proxecto e tamén o selo de calidade que supón a confianza do EIC na nosa tecnoloxía", explica Javier Montenegro, investigador do CiQUS da USC.
As terapias con ácidos nucleicos precisan un transportador que leve a medicina ao interior das células ao tempo que as protexe. Como químicos, nesta parte achegan coñecementos para sintetizar, manipular as moléculas e facelas óptimas para transportar este DNA. O que desenvolven no CiQUS é, por así dicilo, un novo sistema de entrega de RNA ao interior das células.
"A nosa tecnoloxía está enfocada na xeración destes transportadores, que son moi importantes porque ti tes que levar isto ben protexido, de xeito eficiente e pouco tóxico, e ademais telo que facer de xeito selectivo", engade Javier Montenegro, investigador do CiQUS da USC.
Por iso, realizada a entrega, o composto é biodegradable, o que minimiza os efectos tóxicos.
Entre as aplicacións posibles, a inmunoterapia, atacar o cancro e reducir o crecemento de tumores. A axuda europea a este grupo de investigación está destinada a confirmar os resultados de laboratorio para poder realizar a transferencia a nivel industrial.