Europa aproba a taxa de 3 euros nas compras realizadas a través de Shein e Temu
A medida aplicarase nos pequenos paquetes a partir do 1 de xullo de 2026
Reuters
Europa deu luz verde, na tarde deste mércores, ás novas normas sobre dereitos de aduanas para artigos en paquetes pequenos. A medida, que entrará en vigor a partir do próximo 1 de xullo cun arancel de 3 euros para este tipo de envíos que entren no espazo común, afectará principalmente ás compras realizadas en liña a través de plataformas de baixo custo como Shein e Temu.
A taxa aplicarase temporalmente ata a reforma arancelaria definitiva
O acordo permitirá a aplicación desta taxa de maneira temporal ata que entre en vigor en 2028 a reforma arancelaria definitiva, aínda que o mecanismo prevé a posibilidade de prorrogala máis aló se para entón non está en marcha a reforma aduaneira prevista.
Con estas novas normas, a Unión Europea busca facer fronte ao que considera unha competencia desleal e evitar outros riscos para o consumo europeo, como os altos niveis de fraude ou os problemas para a saúde e a seguridade dos consumidores, segundo sostén o Consello nun comunicado. A taxa de 3 euros aplicarase a todos os vendedores extracomunitarios rexistrados no portelo único de importación da UE a efectos do IVE, o que abarca na práctica ao 93 % de todos os fluxos de comercio electrónico cara á UE.
"Ante o auxe do comercio electrónico global, as normas aduaneiras da UE deben seguir o ritmo. A abolición da exención obsoleta para os paquetes pequenos contribuirá a apoiar as empresas da UE e pechará as portas a vendedores sen escrúpulos", dixo Makis Keravnos, ministro de Finanzas de Chipre, que ostenta a presidencia rotatoria do Consello.
O arancel cargará cada categoría de artigo no paquete de pouco tamaño, o que na práctica supón que, por exemplo, se no envío se inclúe unha blusa de seda e dúas de la, serán considerados dúas subcategorías e impoñerase a este paquete unha recarga de 6 euros. Segundo datos da Comisión, só en 2024 se realizaron preto de 4.600 millóns envíos de mercadoría de baixo custo, o que supón a entrada de 12 millóns de paquetes diarios libres de arancel por non superar o seu valor os 150 euros.