Eurodeputados do PSOE votan contra a resolución sobre o Qatargate
Fixérono dende a responsabilidade das relacións bilaterais entre España e Marrocos
Só outros quince lexisladores, moitos da extrema dereita, votaron tamén en contra
O Parlamento Europeo denuncia a implicación de Marrocos no escándalo de corrupción das institucións da UE, o coñecido como Qatargate. A Eurocámara tamén condena o encarceramento de xornalistas nese país e, por sorpresa, os eurodeputados españois do Partido Socialista votan en contra desta resolución.
Os 17 lexisladores do PSOE na Eurocámara foron dos poucos en rexeitar a condena a Marrocos pola súa posible implicación na trama de corrupción a eurodeputados.
Fixérono, segundo nos explican, dende a responsabilidade das relacións bilaterais entre España e Marrocos. Só outros quince lexisladores, moitos da extrema dereita, votaron tamén en contra.
Os eurodeputados do PP español ausentáronse da votación. Igual ca o resto da súa bancada europea non participan nestas resolucións de urxencia, porque din que carecen do traballo lexislativo previo.
Pero os dous grupos quedan sinalados na Eurocámara. A resolución parlamentaria denuncia os intentos de corrupción a eurodeputados. O texto tamén pide vetar o acceso ao Parlamento dos lobbyistas marroquís ao tempo que critica os ataques á liberdade de expresión e aos xornalistas en Marrocos.