Euforia no Carballiño pola vitoria do Arenteiro na Copa do Rei
Gañoulle por 2 a 0 ao Almería e na seguinte rolda enfrontaranse a outro equipo de Primeira
Agardan que no sorteo deste mércores lles toque un equipo "dos grandes"
Pese á intensa chuvia, o campo de fútbol do Arenteiro estaba a rebentar de público este domingo. Aínda os que tiveron que ver o partido fóra da cobertura da bancada consideran que pagou a pena a molladura.
Hoxe no Carballiño non se falaba máis que da vitoria por 2 a 0 contra o Almería. Entre os miles de afeccionados estaba unha familia de Xerez que se pegou un tute de mil quilómetros para ver a Curro, unha das últimas fichaxes do equipo local.
Quen o viu tamén o partido desde unha posición privilexiada e co seu entusiasmo permanente foi Suncita. Armou un magosto na casa para que os seus amigos viñeran animar o Arenteiro desde a súa bancada particular.
A temporada pasada cedeu a súa terraza para a retransmisión do encontro de Copa contra o Valencia. A Federación correspondeu á súa hospitalidade invitándoa a participar no sorteo inicial da Copa deste ano. Por iso no club din que Suncita lles trouxo a sorte.
Ela di que "son unhas máquinas!! Son o polbo eléctrico do Carballiño". O que celebra Suncita, amais do trunfo do equipo, é que o éxito faga resoar o nome da vila.
E máis que vai soar aínda porque este mércores saberase que outro equipo da primeira división terá que baterse con este 'polbo eléctrico'. Case todos queren que lles toque "un dos grandes". E as preferencias están entre o Atlético de Madrid, o Atletic de Bilbao ou o Celta.