Publicador de contidos

Publicador de contidos

Estudan poñer a dose de reforzo aos maiores de 80 en agosto, como en Portugal

Estudan poñer a dose de reforzo aos maiores de 80 en agosto, como en Portugal

A subdirectora de Información sobre Saúde e Epidemioloxía da consellería de Sanidade,  Marta Piñeiro, sinala que un dos factores que inflúe no aumento da incidencia da pandemia nas últimas semanas é a diminución do grao de protección das vacinas nos maiores

Soben os ingresos por covid nas UCI galegas, pero coas hospitalizacións estabilizadas

G24.gal 03/05/2022 10:43 Última actualización 03/05/2022 11:45

A maior parte das comunidades, Galicia entre elas, está a favor de administrar a cuarta dose da vacina aos maiores de 80 anos, pero non hai aínda un acordo sobre as datas. É unha cuestión que analiza o grupo de expertos do Sistema Nacional de Saúde.

Mentres, o Goberno portugués decidiu onte administrar esta nova dose de reforzo a finais de agosto ou primeiros de setembro coa intención de protexer a poboación máis vulnerable ante unha posible repunta da pandemia despois do verán. 

A subdirectora de Información sobre Saúde e Epidemioloxía da consellería de Sanidade, Marta Piñeiro, asegurou que é unha das posibilidades que estudan os expertos que asesoran á Comisión de Saúde Pública. 

"É a estratexia de Portugal: poñer a cuarta dose a os maiores de 80 anos en agosto para preparalos para o outono. É unha das cuestións que se está a debater agora no grupo de expertos".

Marta Piñeiro lembra que a Axencia Europea do Medicamento recomenda a cuarta dose para os maiores de 80 anos porque a inmunidade vai diminuído co tempo. Neste momento, este grupo de poboación máis vulnerable leva en Galicia xa seis meses desde a última dose da vacina e esta circunstancia pode ser, para a subdirectora de Saúde, un dos factores que inflúan no incremento da incidencia.   

"O aumento de contaxios era un risco que se asumía nesta fase de transición, pero a alta inmunidade da poboación indicaba que ese impacto na transmisión comunitaria non sería grave. É o que estamos a ver". 

Malia a alta ocupación nos hospitais, superior á dos meses de xaneiro e febreiro, Marta Piñeiro sinala que polo menos a metade dos hospitalizados neste momento con COVID ingresaron por outras patoloxías e que a porcentaxe de infectados que precisan atención en críticos é moi inferior á doutras fases da pandemia.

"O impacto nas Unidades de Coidados Intensivos está controlado. Neste momento hai 21 persoas nas UCI, o que supón un 2 % de ocupación. Iso dános unha idea máis real da gravidade da pandemia neste momento".

Aínda así, Marta Piñeiro, lembra que o coronavirus segue circulando e que se os indicadores se disparan, a Estratexia de Vixilancia e Control da pandemia contempla un regreso ás medidas de control.   

"Temos que seguir monitorizando os datos da pandemia por se fose necesaria unha volta atrás"

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade