O desconto no combustible entra en vigor con dúbidas sobre a súa aplicación
Algunhas gasolineiras pensan no peche por non poder facer fronte aos adiantos
O Goberno di que a partir deste venres haberá un formulario na web da Axencia Tributaria para que cubran as gasolineiras que queiran un anticipo
A partir da medianoite deste venres entra en vigor a bonificación de vinte céntimos por litro de combustible para todos os condutores. O desconto débeno aplicar e adiantar as gasolineiras.
A medida está supoñendo un auténtico crebacabezas para os donos dos surtidores. Sucédense as reunións con informáticos, empregados e inspectores para estudar como se aplican eses descontos. O certo é que desde as doce da noite temos dereito a que nos rebaixen 20 céntimos por litro de carburante.
No surtidor figura o prezo actual, e no tícket de venda debe figurar xa o desconto. O problema é que en moitas pequenas gasolineiras ese traballo hai que facelo de xeito manual. Ten que contabilizar o desconto que aplica e logo pedirlle ao Goberno que llo devolva.
Supón uns mil euros ao día de media, uns cen mil euros nos tres meses que dura a medida. Cantidades elevadas a que algúns empresarios do sector din que non poden facerlles fronte. A Axencia Tributaria aínda non publicou o formulario para solicitar os anticipos.
A medida entrará en vigor axiña, pero, certamente, non exenta está de caos. Na patronal din que algunhas gasolineiras mesmo pecharán ou incluso non abrirán mentres dure a medida.
Facenda aínda non ten dispoñible na súa web o formulario de anticipo. O Goberno asegura que ata o día 15 de abril pode solicitarse e que xa podería empezar a devolver os cartos a partir da vindeira semana.
Non se vai pedir DIN para botar combustible, co cal, da rebaixa beneficiaranse tanto nacionais coma estranxeiros que carguen aquí. O sector ten aínda moitas incógnitas por resolver, como a parte bonificada polas petroleiras e o prezo que debe figurar en surtidor. A ministra de Facenda anunciou a posta en marcha dunha conta de correo para recibir reclamacións.