Este Celta quere chegar lonxe na Copa (0-3)
Completou un partido moi serio diante do Gernika ao que non lle deu ningunha opción
Noutras temporadas ao Celta xa se lle atragoaban rivais de categorías inferiores. Pero desta volta o equipo de Carvalhal demostrou desde a primeira eliminatoria que vai tentar chegar o máis lonxe posible na Copa. Ao Gernika non lle deu ningunha opción e derrotouno por 0-3.
Había que aclimatarse a un campo de céspede artificial e o adestrador non puxera escusas na previa. Desde o comezo o Celta mandou no campo cun Carles Pérez liderando o ataque. O catalán marcou o primeiro gol do partido no minuto 32.
A comodidade aumentou na segunda metade. O Gernika nunca inquietou a porta de Iván Villar e Aidoo marcou o segundo á saída dun córner deixando a eliminatoria encamiñada. Carvalhal meteu a Aspas e a Luca de la Torre. O internacional polos Estados Unidos tivo unha boa participación marcando o terceiro no minuto 69.