Estabilidade con lixeiras variacións nos indicadores da covid en Galicia
Mantéñense en 512 os casos activos de coronavirus
Nova xornada sen que o Sergas notifique falecidos por covid
Comesaña prevé que en xaneiro todos os maiores de 65 anos teñan a terceira dose posta
Xornada a de este domingo con estabilidade nos indicadores da incidencia da covid en Galicia. Non hai variacións na maioría dos datos, cunha lixeira baixada cando se produce.
Galicia comezou outubro con mil casos de covid e pecha coa metade
As infeccións activas estabilízanse, con datos rexistrados polo Sergas ata as 18:00 horas do sábado e seguen a ser 512 as persoas que teñen o virus. Hai unha persoa menos ingresada, co que son 28 os enfermos nos hospitais galegos. Quedan 23 pacientes (-1) en cuarto illado en planta convencional e 5, os mesmos que 24 horas antes, nas UCI.
As unidades de coidados intensivos das áreas sanitarias de Ourense e de Pontevedra están libres de pacientes con coronavirus, e no resto delas só queda un paciente en agudos.
Os positivos diarios diagnosticados en todas as probas son 36, un contaxio menos que a xornada previa. Semella que os gromos detectados no Carballiño e Ourense ou os tres casos da variante delta plus de Oleiros están controlados.
Despois da entrada de Galicia na nova normalidade hai case un mes e con menos de 25 casos a 14 días por cen mil habitantes, a situación epidemiolóxica xa reflicte esta realidade, tras varias xornadas en que os contaxios superaban os 50 diarios.
A cifra de falecidos durante a pandemia mantense en 2.652, pois este domingo o Sergas non notificou novos decesos. Esta semana faleceron tres persoas coa covid.
Situación por áreas sanitarias
Aumentan en sete os casos activos en Ourense, ata os 106; dous máis en Pontevedra, con 63, e en Ferrol, con 37, e un máis na Coruña con 143 e en Lugo, con 39.
Pola contra, baixan na área de Vigo ata os 75, (-3) e na de Santiago, con 52, (-4).
En Galicia xa se puxeron 4.478.093 doses da vacina contra a covid e xa hai 2.293.944 persoas coa pauta completa.