Publicador de contidos

Publicador de contidos

España intenta desbloquear a oficialidade do catalán, galego e vasco na UE

España intenta desbloquear a oficialidade do catalán, galego e vasco na UE

O Goberno busca superar as reservas dalgúns socios europeos para que a nosa lingua, xunto co catalán e o éuscaro acaden o recoñecemento

A contraprestación é adiar a tradución de gran parte dos actos xurídicos e renunciar a que se financie co orzamento comunitario

G24.gal 26/05/2025 20:42 Última actualización 26/05/2025 21:38

O Goberno buscará este martes superar as reservas de socios europeos como Italia ou os países bálticos para desbloquear a oficialidade do catalán, éuscaro e galego na Unión Europea e lograr o seu recoñecemento desde 2027, aínda que cunha derrogación que aprace sen data a tradución da gran parte dos actos xurídicos do bloque e a conta de renunciar a que sexa o orzamento común o que custee a súa aplicación.

Así as cousas, España mantén como punto "para adopción" a reforma do regulamento do uso das linguas da UE na axenda do consello de Asuntos Xerais deste martes, onde necesita a unanimidade dos 27 para que a decisión saia adiante.

A proposta será por tanto adoptada se ningún Estado membro vota en contra, xa que a eventual abstención de delegacións con dúbidas non suma en contra da unanimidade. O regulamento europeo prevé que todas as linguas recoñecidas, 24 hoxe en día, sexan idiomas de uso e de traballo en todas as institucións comunitarias e que o custo da súa aplicación se financie co orzamento da Unión Europea.

Nas negociacións ata o de agora España non ofreceu cifras concretas do esforzo orzamentario que supoñería a oficialidade das tres leguas, aínda que Bruxelas apuntou nun estudo preliminar en decembro de 2023 que podería supoñer uns 132 millóns de euros ao ano, baseándose unicamente na experiencia do gaélico.

Reservas dos países bálticos, Francia ou Italia

A falta dunha estimación oficial do custo de incluír as tres linguas cooficiais nesta categoría nin dunha avaliación sobre o seu impacto legal e práctico, nos debates de preparación países como Italia, Francia, os bálticos ou Bulgaria expresaron as súas reservas. Varias delegacións e os servizos legais apuntaron "preocupacións" que "necesitan ser discutidas", en referencia a que algúns dos países ven prematuro tomar decisións sobre un asunto que non se traballou nos grupos de expertos habituais no Consello, nin sobre o que hai avaliacións formais sobre a mesa.

As negociacións ata hora producíronse fundamentalmente de xeito bilateral, optando Madrid por dirixirse directamente ás capitais en lugar de abordar as conversacións a 27. Para superar estes atrancos, o Goberno defende que a especificidade do caso español fai que non sexa exportable a outras linguas rexionais (polo seu recoñecemento na Constitución ou o seu uso no Congreso e o Senado), pero ofrece ademais que sexa España quen asuma todo o custo da súa oficialidade, o que supoñería unha excepción respecto ao resto de linguas recoñecidas no regulamento.

Na proposta que o Goberno circulou entre as capitais, España ademais defende que a reforma non establecería ningún "precedente" e que calquera outra lingua que busque un status equivalente deberá pasar unha avaliación "caso por caso" e cumprir "criterios estritos".

A oficialidade sería a partir de 2027

O documento, ademais, expón que a oficialidade de catalán, éuscaro e galego entre en vigor desde o 1 de xaneiro de 2027 pero, engade, aplicando de inmediato unha "derrogación" pola que só se traducirían os regulamentos do Consello e do Parlamento Europeo, é dicir, menos do 3 % dos actos xurídicos que a UE produce nun mandato, segundo as estatísticas da última lexislatura.

"Proposta sólida"

O ministro de Asuntos Exteriores non acudirá á cita e deixa o asunto en mans do secretario de Estado da UE, Fernando Sampedro. Albares defendeu desde Madrid que enriba a mesa hai unha proposta "moi sólida", na que España tivo en conta as sensibilidades dos seus socios. Albares subliña así que desde que España fixo a súa proposta inicial en setembro de 2023 ata o de agora traballouse "con varios Estados membros sobre aspectos nos que tiñan dúbidas ou tiñan receos para conseguir unha proposta sólida".

O que hai agora sobre a mesa, engadiu, "é unha proposta moi traballada e moi mellorada con todos os estados membros".

A petición, formulada en agosto de 2023, é resultado do acordo alcanzado con Junts para que os de Carles Puigdemont avalasen a elección de Francina Armengol como presidenta do Congreso e achandasen así un novo mandato de Pedro Sánchez en Moncloa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade