España gaña e recupera a primeira posición do grupo na Liga das Nacións
España gaña e recupera a primeira posición do grupo na Liga das Nacións
Derrota á República Checa con goles de Soler e Sarabia
Portugal perde o partido e o liderado en Suiza
España encadeou diante da República Checa o segundo triunfo consecutivo na Liga das Nacións (2-0) e aproveitou o tropezo de Portugal para situarse como líder do seu grupo.
Comezou mellor no partido a República Checa, cunha presión que afogou a saída da selección española. Tivo dúas ocasións moi claras que resolveu do mellor xeito o porteiro do Athlétic Unai Simón. No minuto 24 apareceu Carlos Soler, que aproveitou unha asistencia de Marco Asensio. Ese tanto deulle ás a España e fixo encoller o seu rival. España colleu o mando do partido e puido marcar o segundo antes do descanso.
O segundo tempo comezou cunha boa oportunidade de Pesek para os checos. España dominaba pero volveu ser Kral o que avisou desde fóra da área. Luis Enrique meteu trocos e unha desas incorporacións marcou o segundo no 75. Sarabia empurrou á rede un centro de Ferrán Torres para darlle a tranquilidade definitiva a España.
Portugal encabezaba o grupo ata esta xornada pero perdeu contra prognóstico no campo de Suiza (1-0) que aínda non puntuara. Decidiu o gol do dianteiro do Benfica Haris Seferovic. España queda con oito puntos polos sete de Portugal á falta de dúas xornadas.