España faise co bronce mundial diante da Arxentina no fútbol sala feminino (5-1)
Un gol da galega Ale de Paz abriu a conta, e Antía anotou o 3-1
Tamén acadaron o metal as outras dúas galegas, Martita e Vane Sotelo
Rematou a participación da selección española de fútbol sala feminino. Fíxoo co terceiro e cuarto posto, disputado diante da Arxentina en Manila.
Logo do xerro de auga fría que supuxo a eliminación nas semifinais a mans de Brasil (4-1), as españolas refixéronse diante da albiceleste, que viña de caer contra Portugal por 7 a 1.
O partido foi igualado, e encarreirouno un gol da galega Ale de Paz (que tamén fixera o único gol da semifinal) no minuto 5 de encontro.
As arxentinas conseguiron empatar a seis minutos do final, xogando con cinco de campo. Marcou Mailén Romero. Pero seguiron atacando con cinco as arxentinas intentando culminar a remonta, e Laura Córdoba aproveitou un erro so un minuto despois para establecer o dous a un. A conta ampliouna Antía, tamén aproveitando un roubo. E pechárona as dúas irmás Córdoba.
Esta vitoria permítelles ás de Claudia Pons subir ao podio mundialista, cunha medalla de bronce que gañaron tamén as outras dúas galegas seleccionadas, Martita e Vane Sotelo.