Porriño-Guardés: duelo galego por un posto nas semifinais polo título
Carolina Bono: "Hai que coller algo de vantaxe. Na Sangriña vai ser un partido moi fodido"
Jazmín Mendoza: "Queremos competir o mellor posible nas tres competicións"
Foto SPORTCOECO
O Mecalia Atlético Guardés apenas tivo tempo para celebrar a súa histórica clasificación para a final europea. O conxunto da Guarda cambia rapidamente o chip para centrarse nun novo obxectivo: a loita polo título da liga Guerreiras Iberdrola. E faio cun enfrontamento de máxima intensidade, un derbi galego fronte ao Balonmán Porriño que se disputará en formato exprés ao longo desta mesma semana.
Carolina Bono: "Hai que coller algo de vantaxe. Na Sangriña vai ser un partido moi fodido"
O primeiro asalto terá lugar este mércores 29 de abril ás 18.15 horas no pavillón municipal do Porriño, mentres que a volta se xogará o sábado 2 de maio ás 20:00 horas na Sangriña, onde se decidirá o pase a semifinais.
O Guardés chega a esta eliminatoria nun dos mellores momentos da tempada. Hai apenas uns días, o equipo miñoto asinaba unha actuación sobresaliente ante o Costa do Sol Málaga que lle permitiu clasificarse para a final da EHF European Cup por segunda vez na súa historia.
O Balonmán Porriño pechou a fase regular nunha dinámica ascendente, superando dificultades internas e cambios no seu persoal para alcanzar unha meritoria cuarta posición. Ademais, o último enfrontamento entre ambos os equipos, disputado na Sangriña o pasado mes de marzo, deixou un mal recordo para o Guardés, que caeu con claridade ante a súa afección nun partido condicionado polas baixas.
Con todo, o contexto agora é moi diferente, cun equipo máis sólido e reforzado tras o seu recente éxito europeo.
Jazmín Mendoza: "Queremos competir o mellor posible nas tres competicións".
Todo apunta a unha eliminatoria moi igualada entre dous conxuntos que se coñecen perfectamente e que loitarán por converterse no único representante galego con opcións ao título ligueiro.