Derrotas de Guardés e do Porriño na Liga feminina de balonmán
O Guardés perdeu na pista do Málaga o primeiro partido da temporada (28-19)
O Bera Bera gañoulle con claridade ao Porriño (33-26) e mantense como único equipo con pleno de puntos
O Conservas Orbe Zendal Porriño perdeu na pista do Bera Bera (33-26) que se mantén como líder sólido na Liga feminina de balonmán manténdose como o único equipo que gañou todos os partidos disputados. O Porriño perdeu por terceira xornada seguida e queda dous puntos por riba dos postos de descenso.
O Bera Bera tardou en marcar diferenzas nunha boa primeira metade do equipo porriñés. Non foi ata o final dese tempo inicial cando o equipo guipuscoano conseguiu unha diferenza de cinco goles (16-11 ao descanso). No segundo tempo as vantaxes fóronse ata os oito tantos (23-15) e movéronse nesas marxes ata o final do partido. Elba Álvarez, xogadora galega do Bera Bera, anotou oito goles, os mesmos que a porriñesa María Rodríguez.
O Atlético Guardés perdeu na pista do Málaga o primeiro partido da temporada. Levaba catro vitorias e un empate e baixa ata o terceiro posto da clasificación. O equipo do Baixo Miño non demostrou o nivel habitual e caeu por nove goles de diferenza (28-19). Unha boa saída do Málaga (10-4) permitiulle manter ao longo do encontro unha vantaxe que soubo xestionar. O Guardés conseguiu poñerse a catro goles ao pouco de principiar a segunda metade (19-15) pero acabou por sucumbir. A ex do Guardés María Sancha foi a estrela do cadro local con 10 goles.