España comeza o camiño á Eurocopa cunha malleira en Bélxica
As campioas do mundo non lle deron opción a Bélxica (0-7)
Salma Paralluelo comandou a goleada cun hat trick
Bélxica non foi rival. A selección española iniciou o camiño cara a Eurocopa do 2025 cunha plácida goleada a domicilio. Cero a sete, cunha exhibición de Salma Paralluelo, autora dun hat trick.
No minuto sete marcaba o primeiro, certificando así no marcador o dominio inicial das campioas do mundo. O cero a dous, no minuto 16, levou a sinatura de Jenni Hermoso. Disparo preciso e axustado para aumentar unha vantaxe que non deixou de medrar no resto do encontro. Á media hora chegaba o terceiro. Espectacular asistencia co calcaño de Alexia Putellas e definición de Salma. A xogada é boa mostra da capacidade combinativa do equipo de Montse Tomé.
Tralo descanso España non se conformou. Nada máis volver dos vestíarios chegaba o cero o catro, o terceiro de Salma. Calquera capacidade de reacción das belgas quedaba anulada. De aí o final, continuou o festival ofensivo dunha selección agora mesmo intratable. Esther en dúas ocasións, e Sheila, completaron o avultado resultado que enche de confianza a un equipo chamado a continuar co seu ciclo exitoso. Bo fútbol e goles avalan ao combinado español.