Esgotadas en Vigo as visitas guiadas para os barcos da peregrinación Iacobus Maris
O acceso é libre, en horarios de mañá e tarde, ata o domingo
Os primeiros visitantes xa agardaban impacientes no peirao para enrolarse por uns momentos.
Só unhas horas tardaron en esgotarse as visitas guiadas que organiza Vigo Pesqueiro aos oito barcos participantes da peregrinación Iacobus Maris. Pero o acceso é libre e durante os horarios de mañá e tarde establecidos, calquera poderá subir neles ata o domingo a botar un ollo e charlar coa mariñeiría.
Unha das que quixo experimentar as sensacións da travesía ata Vigo desde as Illas Cíes, incluída a parada pola ría, foi a Delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias.
Tras as fotos de rigor cos novos amigos, o peirao de Transatlánticos era unha festa con postos de gastronomía, recordos e moda, xunto un escenario para os concertos gratuítos previstos. Atrás quedan tres mil millas náuticas e moitas lembranzas como nos contan algúns dos participantes.
Boa parte das tripulacións poñerá rumbo a Compostela este sábado. Primeiro, a bordo dun catamarán de Vilanova de Arousa a Padrón. Logo, culminarán a peregrinación ata a catedral de Santiago por estrada.