Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os peregrinos poñen boa cara ao mal tempo na ponte festiva

Os peregrinos poñen boa cara ao mal tempo na ponte festiva

No inverno descende o número de camiñantes pero hai xente que aproveita estes días para obter a Compostela

G24.gal 07/12/2025 14:32 Última actualización 07/12/2025 15:08

Que os peregrinos están feitos dunha pasta especial está claro, porque botarse a andar polos camiños co vento e as chuvieiras destes días non semella moi tentador. E é que as estatísticas rexistran un descenso de camiñantes coincidindo co inverno, pero os que o fan chegan co convencemento intacto.

"Unha experiencia inesquecible, entre compañeiros e amigos desfrutando do camiño. Chove un pouco pero os galegos xa estamos afeitos a todo", comenta unha peregrina de Lalín.

Coa barreira do medio millón de peregrinos superada e cun crecemento do 6% anual de camiñantes, as cifras da ruta seguen superándose cada tempada.

Mesmo o número de galegos que fan o camiño, que só representan un pequeno 5% do total, aínda que a cifra é máis ampla xa que moitos non se rexistran ao final percorrido.

"Moito chinés sobre todo e xaponeses, hai unha manchea. Galegos penso que se contan cos dedos dunha man", sinala outro dos camiñantes.

Con todo, entre os 150 camiñantes diarios que obteñen a Compostela neste tempo, moitos aproveitaron a ponte festiva para cumprir o seu obxectivo.

"Vimos de Navarra, dunha localidade da ribeira. Levamos dous anos facendo o camiño a etapas, aos poucos, pero conseguímolo", conta a peregrina dun grupo procedente da localidade navarra de Murchante.

Ao final sexa no inverno, sexa no verán, a experiencia de chegar á compostelá praza do Obradoiro merece a pena da espera ou de soportar o mal tempo. E se a motivación fraquea, nada como un ano xacobeo para animarse e o vindeiro está a pouco máis de doce meses.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade