Publicador de contidos

Publicador de contidos

María Jesús Vázquez: "Queremos que se respecten os acordos aos que chegaron"

María Jesús Vázquez: "Queremos que se respecten os acordos aos que chegaron"

Os sindicatos que convocan a folga dos controladores aéreos nas torres de control de xestión privada denuncian que a empresa non está cumprindo co pactado

Piden ademais unha suba salarial superior ao 1,5 % e melloras nas vacacións

G24.gal 01/02/2023 10:41

Este pasado luns, 30 de xaneiro, viviuse a primeira xornada de folga das cinco que están convocadas durante os luns deste mes de febreiro polos controladores aéreos que prestan servizo nas torres privatizadas, 16 en toda España, cun total de 160 traballadores. Entre elas están as dos aeroportos de Peinador, en Vigo, e de Alvedro, na Coruña.

María Jesús Vázquez, coordinadora do sector aéreo de CCOO en Galicia, convocante desta folga xunto co sindicato USCA, denuncia a "precarización das condicións laborais" no sector.

Neste momento dúas empresas prestan este servizo nas torres de control privatizadas en España. Nos aeroportos da Coruña e Vigo é Saerco a que ten esa concesión, e é coa que está habendo máis atrancos para chegar a un acordo.

"Neste momento da negociación do convenio, con Ferronats [a outra empresa que opera noutros aeroportos] podemos estar a piques de chegar a un acordo, pero con Saerco temos máis problemas á hora de que teñan en consideración os catro puntos fundamentais que temos enriba da mesa", explica a representante de Comisións Obreiras.

"En primeiro lugar o que queremos é que se respecten os acordos de torre aos que chegaron os traballadores e traballadoras que melloraban as condicións dos convenios colectivos", explica María Jesús Vázquez.

"Desde o ano 2021, unilateralmente Saerco decidiu que esas condicións non as ía respectar, e para nós é un punto fundamental, porque estes son uns traballadores que viña subrogados dunha empresa na que viñan gozando dunhas condicións lexitimas e que eles decidiron cortar de raíz. Son uns procesos que están xudicializados e que estamos gañando nos tribunais", continúa a representante sindical.

Amais os comités de empresa presentan outras reivindicacións: "Queremos unha suba salarial que vaia acorde á situación económica que estamos a vivir estes anos. A proposta que nos presentan é totalmente inasumible porque non soben ningún dos anos do 1,5 %", conta María Jesús Vázquez.

E tamén solicitan unha mellora no que respecta as vacacións. "Nestes momentos o que están a gozar son 30 días naturais, unicamente, e o que queremos é que isto se equipare a convenios similares doutras profesións: 22 días laborais, máis os 14 festivos que nos corresponden", explica.

Polo momento a folga segue en marcha, e tamén a negociación cunhas xuntanzas negociadoras previstas. "Non sabemos se estes encontros se van realizar. A mesa non está rota. Estamos facendo unha serie de mobilizacións. O que agardaramos é que Saerco entre en razón nestes puntos que son básicos nas relacións laborais en calquera empresa".

De todos os xeitos, a folga practicamente non está tendo efecto no servizo. Os sindicatos denuncian que "a interpretación que Saerco fixo dos servizos mínimos foi do 100 % e actividades que non son esenciais como as escolas de voo operaron con normalidade porque decidiu que toda actividade que tivese lugar nas torres de control tiña que ser atendida, incluso reforzando as torres con persoal. Cremos que é unha interpretación abusiva dos servizos mínimos e que vulnera o dereito a folga".

Os traballadores cren a resistencia da empresa á chegar a acordos é logrou a concesión cunha oferta por debaixo dos custos do que supón o servizo: "E esta é a razón básica do problema, porque pretende repercutir as perdas nas condicións dos traballadores e é algo que desde CCOO non podemos permitir", di María Jesús Vázquez, quen cre que se trata, en definitiva, "dunha política de precarización das condicións".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade