Publicador de contidos

Publicador de contidos

Anasagasti: "Trump ten no punto de mira a Sánchez. Está actuando moi torpemente"

Anasagasti: "Trump ten no punto de mira a Sánchez. Está actuando moi torpemente"

O político vasco di que glorifican a Zapatero "para desviar a atención do branqueamento que fixo estes anos da ditadura"

Aplaude a detención de Maduro malia seren "pola forza" e augura a posibilidade dunha transición parecida á española

Pide a aplicación da lexitimidade democrática de Edmundo e Corina tras gañar as eleccións pero non o considera doado

Iñaki Anasagasti nunha imaxe de arquivo. EUROPA PRESS
G24.gal 11/01/2026 08:43 Última actualización 11/01/2026 18:12

Iñaki Anasagasti, exdeputado e portavoz do PNV, cre que Donald Trump ten no punto de mira a Pedro Sánchez polas súas críticas á operación estadounidense contra Nicolás Maduro. 

Na entrevista dos domingos do Galicia por diante, na Radio Galega, o político nado en Venezuela asegura que o seu posicionamento neste asunto "non é bo para os intereses de España".

"Eu penso que está actuando moi, moi torpemente. O que ten que pór enriba da mesa son os dereitos humanos dos venezolanos que teñen que emigrar. Hai medio millón en España. Maduro é un tipo aribrario, cruel e asasino para ter que defendelo. Esa énfase criticando a operación de Maduro que é un asasino, imaxinese o que supón para o pobo venezolano...".

Dende o seu punto de vista, o presidente do Goberno utiliza unha dobre vara de medir. Critica que, por unha banda, rexeite a iniciativa do PP no Congreso para recoñecer a vitoria de Edmundo González Urrutia e, por outra, "lave a cara" dicindo que o teñen en Madrid.

"Pero previamente fixéranlle unha emboscada na embaixada española en Caracas e aquilo foi ignominioso. Aogra póñense galos falando do dereito internacional. Porén hai pouco, unha reivindicación española de toda a vida que era a autodeterminación do pobo saharauí, da noite para a mañá forma parte de Marrocos. Iso parécelles estupendo. Aquí collemos a legalidade internacional segundo conveña".

Ese "dobre papel" que, segundo o nacionalistas vasco, quere xogar Sánchez, prexudícalle moito porque "os Estados Unidos son o que son" e Trump é "un tipo arbitrario que precisa sempre o afago".

Respecto ao papel mediador de José Luís Rodríguez Zapatero e o afán por "glorificar" a súa figura, Anasagasti pensa que nestes momentos é para "desviar a atención do branqueamento que fixo durante estes anos da ditadura" no país caribeño.

"Hoxe é o día en que Zapatero non recoñeceu o triunfo de González Urrutia e de María Corina Machado; hoxe é o día en que Zapatero non felicitou a Machado polo premio Nobel da Paz; o día en que recordamos todos cando a aquel presidente Juan Guaidó lle fixo a vida imposible. Polo tando, que non me veñan con milongas sobre Zapatero que o coñecemos moi ben e lóxicamente vai estar nunha situación difícil. Ogallá se intevestigue cando Delcy Rodríguez chegou ao aeroporto de Barajas, recibiuno Ábalos e houbo unhas malestas de por medio. Detrás disto está seguro Rodíguez Zapatero".

Considera que o expresidente nun principio puido ter un papel mediador pero, despois, "vendeuse dun xeito vergoñento ao chavismo" porque só foi aceptado por unha das partes e nomeou embaixador en Caracas a Raúl Morodo, que non é diplomático.

"A nós preocupábanos moito a situación de Venezuela (...) pero nunca nos fixo o menor caso. E que ocorreu con Morodo? Que foi condenado, el e o seu fillo, por corrupción, non só a multas senón a cárcere.  Disto ninguén fala pero é a orixe da presenza de Zapatero en Venezuela. Zapatero é unha persoa que non domina o inglés e viu alí un acomodo para facer de mediador nun momento determinado. E a Hugo Chávez encantoulle aquilo porque era un expresidente español. E eu non digo que non tratase de facer cousas pero se Trump non lle dera unha patada o avespeiro hai unha semana, Zapatero non daría sacado a ninguén (do cárcere)".

Por esta razón, parécelle "moi ben" que compareza no Congreso para dar explicacións, tal e como reclama o secretario xeral do PP, Miguel Tellado.

Detención de Maduro

Sobre a detención de Maduro, á marxe do dereito internacional, amósase convencido de que "é o único xeito de empezar a solucionar o bloqueo absoluto de Venezuela".

"Eu estou escoitando analistas, sobre todo catedráticos de dereito internacional, que din que iso non se pode facer. Pero estamos a falar dun Maduro que non é un presidente elixido democráticamente senón dun ditador terrorista que machaca o seu pobo, que ten presos políticos, que depauperou Venezuela . Hai case nove millóns de emigrantes porque non poden vivir. Ante iso, que fai vostede? (...) Que o de Trump é un acto de forza? Pois si, é verdade. Pero pregúntelle vostede iso as familias dos poucos presos que están saíndo se están dacordo ou non coa intervención do señor Trump. Outra cousa é que Trump nos guste ou non, que a min non me gusta nada".

Para o político vasco, ábrese un novo tempo para o pobo venezolano e augura a posibilidade de que se produza unha transición parecida á española.

"Morreu Franco na cama e viu Arias Navarro que non moveu absolutamente nada. Logo, chegou nada menos que Adolfo Suárez, secretario xeral do Movemento, e houbo unhas eleccións democráticas o 15 de xuño do ano 77. Aquí pode ocorrer algo parecido? Creo que si, algo parecido, coa dificultade de que o réxime de Maduro segue intacto, como seguía intacto o réxime de Franco cando morreu. Seguía intacta toda a estrutura. Polo tando, se son intelixentes e o que quere a poboación é vivir normalmente e non ter que marchar, se pode dar unha transición, complicada pero interesante, e máis humana, sobre todo".

Lexitimidade democrática

Anasagasti pide a aplicación da lexitimidade democrática en Venezuela que, segundo lembra, teñen Edmundo e Corina tras gañar "limpamente" as eleccións o 28 de xullo de 2024.  

"Os resultados están nunha caixa forte en Panamá, por se alguén ten algunha dúbida", subliña.

Non o considera doado porque "o réxime de Maduro ten un personaxe durísimo que é Diosdado Cabello, o xefe da Policía". Porén, confía no papel de Delcy Rodríguez, "unha muller que vai facer da necesidade virtude".

"Vai lanzar arengas en contra de Trump para calmar os ánimos, porque a estrutura paramilitar que organizou no seu tempo Maduro e antes Chávez está intacta. Polo tanto, ten que ir desmontando iso pouco a pouco. Que se produza a apertura da embaixada estadounidense e que Venezuela teña a súa embaixada en Washington, é un paso de xigante porque ata o de agora esas relacións estaban interrompidas".

O petróleo venezolano

No que atinxe ao petróleo, subliña que "a todo o mundo lle interesa" empezando por Repsol ou Cuba que "o vai pasar moi mal". Con todo, pareceulle "lamentable" a intervención de Donald Trump tras a operación militar en Caracas.

"Non falou dos dereitos humanos, non falou  dos presos, tivo unha alusión irreverente, de mal gusto, contra Corina Machado, e falou 28 veces do petróleo. Iso distorsionou moito a realidade".

Aínda así, subliña a necesidade de facer un "investimento hipermillonario" para sacar adiante unha industria petroleira "estragada" polo chavismo porque vai beneficiar, asegura, a poboación venezolana.

"A industria petroleira non tivo mantemento, hoxe é o 1% do mercado mundial e seguramente con todos estes investimentos hipermillonarios que non puido facer Venezuela, as petroleiras van gañar diñeiro, por suposto, pero a poboación venezolana vaise beneficiar. Eu vivín en Venezuela cando existían grandes empresas, facíanse autopistas, apostábase pola educación, pola sanidade. Nete momento Venezuela é un páramo, está absolutamente destruído todo o tecido produtivo (...) Hugo Chávez expropiou tanto que expropiou a propia Venezuela, que nestes momentos é un cuartel".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade