Publicador de contidos

Publicador de contidos

Entran en vigor as sancións polo mal uso do abono gratuíto de Renfe

Entran en vigor as sancións polo mal uso do abono gratuíto de Renfe

Quen reserve praza e non viaxe en tres ocasións perde o abono e a fianza

A maioría dos viaxeiros apoia que se endurezan as normas, pero dubidan do sistema de control nalgúns tramos

A Plataforma Tren Media Distancia Galicia cre que cancelar a reserva con dúas horas de antelación prexudica os usuarios habituais 

G24.gal 07/12/2022 14:45

Segundo Renfe, un 10 % dos titulares do abono gratuíto reservaba praza e logo non viaxaban nela. Pasaxeiros pantasma que desde hoxe serán sancionados coa retirada da fianza de 20 euros e o abono, que non poderán recuperar ata pasado un mes.

"Eu creo que a partir de agora haberá máis dispoñibilidade, antes era difícil ter sitio porque a xente collía prazas e logo non viaxaba".

"Eu reservei onte para estes días e atopei praza, creo que vai funcionar bastante ben", opinan algúns viaxeiros.

En xeral, os usuarios apoian o endurecemento das normas para evitar os abusos. Pero tamén xorden dúbidas sobre como van controlar a ocupación real das prazas naqueles tramos onde non hai tornos nin pasan os revisores.

"Moitas veces a Lugo non hai revisor nin pasan código, entón que vai pasar se viaxo tres veces pero non o saben?", pregúntase unha usuaria.

"Sen máis interventores, nin persoal no despacho de billetes, sen reforzar a web e a APP, non sei como van controlar se as prazas están bloqueadas por fallos ou por un mal uso", di Iria Méndez, a voceira da Plataforma Tren Media Distancia Galicia. 

Desde a Plataforma Tren Media Distancia Galicia piden tamén melloras na aplicación da xestión das reservas para evitar colapsos. Amais din que a nova obriga de cancelar a reserva cun mínimo de dúas horas de antelación prexudica os que se moven en tren ao traballo.

"Normalmente chegas cinco minutos antes á estación, é unha medida inoperante e inxusta para o usuario habitual" engade Roberto Boullón, outro membro da plataforma.

Aproban que haxa controis, pero desde a plataforma son máis partidarios de encarecer a fianza para disuadir os viaxeiros pantasma.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade