Entramos nos días espello da eclipse de sol, ideais para escoller desde onde mirala o 12 de agosto
A posición do sol con respecto á terra é nestas xornadas de finais de abril e primeiros de maio é similar á do momento en que se vai producir este fenómeno astronómico tan insual
A Lúa vaise interpoñer entre o Sol e a Terra o próximo 12 de agosto, e a súa sombra provocará que se faga totalmente de noite durante uns minutos en media Galicia, ás 8:28 da tarde, con xa sol baixo.
"Non haberá que mirar para arriba, e isto é moi cómodo para o pescozo, pero ten o problema de que calquera árbore, edificio ou pequena montaña pódenos impedir velo", explícanos Jorge Mira, catedrático de Física da USC.
Comprobámolo onte mesmo na praza do Obradoiro, desde onde a eclipse non vai ser visible. E vimos que pola contra se vai ver moi ben desde a Cidade da Cultura. Estamos nos días espello, en que nos recomendan facer estas comprobacións para escoller ben o lugar desde onde poder contemplar o 12 de agosto este evento astronómico tan pouco frecuente.
"A órbita da Terra arredor do Sol é unha volta. Se imos da Coruña a Vigo pasamos por Santiago de ida e de volta, e este mesmo símil aplicado á eclipse vemos que, se temos a volta o 12 de agosto, a ida e o 30 de abril", relata Jorge Mira, Catedrático de Física da USC.
Pero nos días anteriores e posteriores ao 30 de abril, o sol está practicamente na mesma posición. Así que -recoméndannos en MeteoGalicia- mellor aproveitar hoxe, porque mañá vai estar nubrado.
"Mañá é o peor día no meteorolóxico. As treboadas que estamos tendo estes días na metade sur, mañá vanse extender a gran parte do territorio, especialmente nesas horas da tarde. Porén, o xoves e o venres posiblemente si poidamos intuír ou ver a psoición do sol", contanos Carlos Otero, meteorólogo de MeteoGalicia.
A proba haina que facer estes días ás oito e vinte, oito minutos antes da que será en agosto a hora da eclipse.