Entradas esgotadas para o Leyma Coruña-Obradoiro do sábado, en directo pola TVG
O partido poderá verse en directo pola primeira canle da TVG e tamén en AGalega.gal
Esta mañá puxéronse á venda os billetes para o público xeneral e vendéronse en apenas 25 minutos
A cinco días aínda do derbi entre Básquet Coruña e Obradoiro, o club coruñés xa tivo que colgar o cartel de 'Non hai billetes'. Este sábado 11 de abril (19:00 horas), o Coliseum vivirá un auténtico partidazo no que practicamente se decidirá medio ascenso á ACB entre primeiro e segundo clasificado na táboa e con tan só tres puntos de vantaxe para os laranxas. O pasado 24 de marzo, o Leyma puxo á venda as primeiras entradas nunha quenda exclusiva para os seus abonados limitada a dous tickets por socio e esgotáronse en apenas unhas horas.
Durante esta tempada, aínda nunca se tivera que habilitar o anel superior da bancada de Fondo, xa que, ata o momento, a máxima asistencia rexistrada foi ante Estudantes con 6.102 espectadores nas bancadas do recinto herculino. Debido a que ten o seu sitio asegurado os 5.835 socios do club coruñés e as 223 persoas que acudan das entradas cedidas ao Obradoiro (as mesmas que recibiron os laranxas na ida), o que suma un total de 6.115 asentos ocupados, o Básquet Coruña decidiu habilitar tamén o tendido alto do recinto para a venda xeral, ao redor de 1.100 novas localidades, aínda que con preferencia tamén para abonados.
Deste xeito, a afección do Obradoiro non podía facerse cunha entrada ata esta semana do derbi (das que sobrasen do novo tendido aberto), salvo que conseguisen unha das cedidas para o seu club. Esta mañá, puxéronse á venda os tíckets restantes para o público en xeral, aínda que a cifra é unha incógnita, esgotáronse en apenas 20 minutos.
Deste xeito, haberá encho esta fin de semana para vivir o apaixonante derbi galego con todo en xogo polo ascenso á máxima categoría. O ambiente en Fontes do Sar na primeira volta xa foi unha caldeira, con 6.000 afeccionados nas butacas, practicamente a ocupación completa do pavillón. Naquela ocasión, o Obradoiro impúxose ante a súa xente. Agora, o Leyma quere facer o mesmo ante a súa.