Con 27 puntos, o Celta iguala a mellor puntuación a domicilio da súa historia en Primeira
Sete triunfos, seis empates e só dúas derrotas son os números do Celta lonxe de Balaídos
Foto EFE
Coa súa vitoria fronte ao Valencia en Mestalla (2-3), o Celta de Claudio Giráldez igualou este domingo a mellor puntuación a domicilio da historia en Primeira División, os 27 puntos que asinase o conxunto dirixido entón por Eduardo Berizzo na tempada 2015-16.
Sete triunfos, seis empates e só dúas derrotas son os números do Celta no presente curso ligueiro. O Barcelona (31) e o Real Madrid (30) melloran a puntuación celeste, pero ambos sufriron máis derrotas lonxe do seu estadio: tres os brancos e catro os azulgranas.
Por diante, o Celta de Giráldez aínda ten catro partidos para mellorar o rexistro que asinou o equipo de Berizzo. Iso si, espéranlle catro etapas pirenaicas, xa que visitará, de xeito consecutivo, a Barcelona, Vilarreal, Atlético de Madrid e Athletic Club.
O outro reto que lle queda por diante é o de converterse no Celta con máis vitorias a domicilio na máxima categoría. Cunha máis igualará o de Berizzo e con dous superarao.