O Ensino queda sen opcións de xogar a Copa logo de perder co Gernika
Foi por debaixo no marcador durante todo o encontro, pero chegou a empatar a dous minutos do final
Ygueravide liderou o triunfo vasco (58-65) con 26 puntos
O Ensino quedou sen opcións de xogar a fase final da Copa logo de perder no Pazo diante de Gernika (58-65), que a unha xornada do final da primeira volta colleu o billete para a cita copeira.
O partido comezou cun ensino pouco entoado en ataque algo que aproveitou o Gernika para coller unha máxima vantaxe de trece puntos (6-19) no treito final do primeiro cuarto. Reaccionou o Ensino no segundo cuarto chegando a poñerse a cinco puntos (20-25) pero non culminou a remonta e as vascas foron ao descanso cunha cómoda diferenza (22-32).
No terceiro cuarto mantívose a dinámica ata o minuto 27 (35-45) pero un gran parcial de 7-0 permitiulle ao Ensino entrar no período decisivo con opcións (42-45).
No último cuarto parecía que Gernika tiña o triunfo encamiñado (50-56) pero un parcial de 6-0 permitiulle a Ensino entrar nos dous últimos minutos con empate. Nos intres decisivos as visitantes estiveron máis atinadas cunha tripla decisiva de Cvitkovic e outra canastra de Sandra Ygueravide (máxima anotadora con 26 puntos) para darlle o triunfo ao seu equipo por 58-65.