Ence preséntalle a nova bioplanta de papel ao tecido local das Pontes
O proxecto aspira a crear arredor dun milleiro de postos de traballo directos e indirectos
"É un proxecto innovador a nivel internacional que vén dar resposta ás demandas do mercado". Di o presidente de Ence, Marc Gómez, que os clientes demandan produtos de economía circular e que As Pontes ofrece o mellor emprazamento.
Empresarios, sindicatos e representantes do tecido local da vila coñeceron os detalles da nova planta de papel tisú, que está xa moi avanzada e que vai xerar arredor dun milleiro de postos de traballo, dos que se poderán beneficiar colectivos coma o dos transportistas.
No Concello, di o alcade Valentín González Formoso, comprometen todas as facilidades para axilizar os prazos.
Este proxecto de Ence vén sumarse ao da multinacional Sentury para fabricar rodas e á planta de hidróxeno verde promovida por Reganosa e EDP renovables. A Xunta de Galicia pídelle ao Goberno axilidade nos fondos europeos.
O Goberno autonómico xa seleccionou estes proxectos como prioritarios para optar aos fondos de transición xusta.