Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ence perdeu 55 millóns de euros en 2025

Ence perdeu 55 millóns de euros en 2025

A pesar destas perdas, Ence aprecia "boas perspectivas" para 2026

G24.gal 24/02/2026 22:13

 Ence pechou o exercicio de 2025 cunhas perdas de 55 millóns de euros, segundo o balance que presentou este martes a compañía, lastrada especialmente pola caída dos prezos da celulosa.

Esa cifra inclúe unha previsión de 24 millóns de euros correspondente ao impacto dos procedementos de despedimento colectivo abertos nos seus centros de traballo de Pontevedra, Madrid e Navia (Asturias) dentro do seu plan de eficiencia e competitividade.

A este respecto, a empresa comunicou que alcanzou acordos coa representación legal dos traballadores e levará a cabo unha redución do 15% do persoal total de celulosa.

A débeda financeira neta a peche de ano ascendeu ata os 378 millóns de euros, fronte aos 321 millóns de euros de decembro de 2024.

A pesar destas perdas, Ence aprecia "boas perspectivas" para 2026, xa que o prezo da celulosa subiu ata os 1.250 dólares, fronte á media de 1.086 dólares en 2025, e os principais produtores xa anunciaron incrementos ata os 1.330 euros.

A peche de 2025, a produción de celulosa situouse na contorna das 950.000 toneladas, aínda que as vendas de celulosa creceron no cuarto trimestre un 4% ata situarse en preto de 245.000 toneladas.

Nesa mesma liña, a empresa sostén que continúa avanzando na súa transformación cara a un fabricante de celulosas especiais que compite coa fibra longa de máis alto custo.

A peche de 2025, esta tipoloxía de produto representou o 30% das vendas de celulosa, sete puntos máis que en 2024 e cunha marxe adicional de 37 euros por tonelada fronte á fibra estándar.

O obxectivo da compañía é que supere o 62% das vendas en 2028.

No que respecta á plataforma de enerxías renovables, en 2025, a actividade de xeración de electricidade con biomasa alcanzou unha produción no ano de máis de 1.240 GWh, un 6% máis que en 2024.

Pola súa banda, o negocio de calor industrial, centrado en proxectos de descarbonización para a industria, pechou tres contratos en 2025 e unha cuarta iniciativa está en fase de posta en marcha.

No negocio de biofertilizantes e biometano, a compañía continúa co desenvolvemento da súa carteira con 25 proxectos en fase avanzada de enxeñería e tramitación administrativa.

Por último, Ence destaca que o beneficio bruto de xeración de electricidade con biomasa, no segundo semestre de 2025, situouse en 20 millóns de euros, o que levou á compañía un  beneficio bruto anualizado de 40 millóns. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade