Publicador de contidos

Publicador de contidos

En que consiste a dose contra o virus sincitial e por que non é unha vacina?

En que consiste a dose contra o virus sincitial e por que non é unha vacina?

Os estudos demostraron unha eficacia do 74,5 % deste monoclonal, cunha redución do 78 % nas hospitalizacións.

Gabri Fuentes 16/03/2023 18:25

O virus respiratorio sincitial (VRS) é un virus moi contaxioso causante de enfermidades respiratorias agudas, como as bronquiolites e as pneumonías. Adoita incidir especialmente no inverno.

Afecta sobre todo os menores de dous anos. De feito, o 90% dos cativos sofre esta enfermidade nalgún momento, aínda que a maioría sen complicacións.

Porén, si pode supoñer un perigo aqueles nenos e nenas que nacen prematuros ou presentan problemas médicos, como enfermidades pulmonares, un sistema inmune débil ou con certos trastornos neuromusculares.

Esta realidade supón un importante esforzo dos servizos sanitarios para atender todos os nenos enfermos que acoden ao pediatra.

Rexistrouse un 40 % máis de consultas relacionadas con infeccións por VRS que antes da pandemia.

Por que afecta tanto aos pequenos?

As vacinas ensínanlle ao corpo a recoñecer un virus inxectando un anaquiño ou unha versión moi suave deste. Así, o sistema inmune queda coa cara do virus e fabrica anticorpos para defendernos cando apareza de verdade.

Os  menores de dous meses, os que máis se hospitalizan por VRS, non teñen o sistema inmune maduro. De feito, aínda teñen anticorpos da nai para protexelos.

É dicir, os máis pequenos teñen máis dificultades para xerar anticorpos e dar así unha boa resposta inmunolóxica.

Ata o de agora, o foco dos tratamentos contra esta enfermidade estaba nos grupos con maior risco, como prematuros ou con complicacións médicas graves.

Que anunciou a Xunta?

Incorpórase ao calendario de inmunización infantil un anticorpo monoclonal contra o VRS para os lactantes, que se administrará no outono. Aínda está por confirmar con que idade.

Un monoclonal non é unha vacina. Basicamente, cun monoclonal inxéctanse os anticorpos directamente. Isto é, dámoslle o traballo feito ao sistema inmune, que non tería que xeralos.

Os estudos demostraron unha eficacia do 74,5 % deste monoclonal, cunha redución do 78 % nas hospitalizacións.

De feito, a Asociación Española de Pediatría incorporouno como recomendación este ano no seu caledario de vacinación infantil, que ao incluír o monoclonal (que non é unha vacina, lembremos), pasa a denominarse calendario de inmunización infantil.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade