Estabilizado o incendio de Ponte da Barca, preto de Galicia, e está controlado o de Arouca
O lume avanza polo Parque Natural de Peneda-Gerês e xa estaba a menos de tres quilómetros de Galicia
O vento, a baixa humidade e as altas temperaturas favoreceron a expansión do lume en varios puntos do norte e o centro de Portugal
Soben as temperaturas e o domingo todo Portugal menos o distrito de Faro, no sur, vai estar en alerta laranxa pola calor
O incendio iniciado fai seis días na zona de Ponte da Barca, no norte de Portugal xunto á fronteira con Galicia, só a tres quilómetros de Lobios, foi estabilizado nas últimas horas polos bombeiros, informou este venres a Autoridade Nacional de Emerxencia e de Protección Civil (ANEPC) lusa.
O comandante subrexional do Alto Minho, Marco Domingues, dixo á prensa que lograron estabilizar o lume despois dunha noite "de moito traballo" e que non foi tranquila.
A pesar deste avance, apuntou que "hai varios puntos quentes esparexidos por todo o perímetro, que é enorme neste incendio e queda moito traballo de consolidación por facer".
As chamas avanzan polo Parque Natural de Peneda-Gerês, que forma parte da Reserva da Biosfera Transferiza Gerês-Xurés, entre Portugal e España.
Domingues destacou que este lume mostrou "un comportamento propio e imprevisible, froito da meteoroloxía, a orografía, a combustibilidade e a dificultade de acceso". E agregou que durante esta xornada non hai casas en perigo polo lume.
Segundo os datos da ANEPC, na zona hai destacados 651 efectivos, 218 vehículos terrestres e seis medios aéreos.
Segundo datos da Autoridade Nacional de Emerxencia e de Protección Civil (ANEPC) lusa á 08:00 hora local (07:00 hora GMT), na zona de Ponte da Barca hai despregados 662 bombeiros e 228 vehículos terrestres.
O lume avanza polo Parque Natural de Peneda-Gerês, que forma parte da Reserva da Biosfera Transferiza Gerês-Xurés, e é o máis antigo dos incendios que se declararon esta semana na península Ibérica, xa que se iniciou o sábado pasado.
En Arouca hai despregados 432 efectivos e 159 vehículos terrestres
O incendio de Arouca, 60 quilómetros ao sur do Porto e o que máis preocupaba ás autoridades portuguesas esta semana, quedo controlado. En Arouca, os bombeiros controlaron as chamas que ao longo destes días avanzaron por unha área onde hai abundancia de eucaliptos, o que facilitou a súa propagación. Actualmente hai alí despregados 432 efectivos e 159 vehículos terrestres.
O vento, a baixa humidade e as altas temperaturas fixeron que varios puntos do norte e o centro de Portugal fosen nos últimos días pasto das chamas.
Tras unha lixeira baixada este venres, as temperaturas volverán subir a partir de mañá, e o domingo todo o país menos o distrito de Faro, no sur, vai estar en alerta laranxa pola calor, que é o segundo nivel por detrás do vermello, indica o prognóstico do Instituto Portugués do Mar e a Atmosfera (IPMA).
O domingo espérase que a máxima, de 42 graos, se alcance nos distritos de Beja e de Évora, limítrofes con Estremadura e Andalucía, en España.