En liberdade con cargos o home que se atrincheirou en Ourense
Deberá presentarse cada 15 días no xulgado e ten prohibido abandonar o país
Está investigado por un delito de desordes públicas
Ameazaba con estoupar o edificio en Ourense mentres tiraba cousas pola ventá

O home que se atrincheirou unhas catro horas o domingo nun piso na cidade de Ourense pasou onte á disposición do Xulgado de Instrución número 2 de Ourense, en funcións de garda.
O maxistrado decretou a súa posta en liberdade e impúxolle a obriga de presentarse no xulgado cada 15 días, así como a prohibición de abandonar o territorio nacional e a retirada do pasaporte. Está investigado por un delito de desordes públicas.
O home era o inquilino dun segundo piso do inmoble, ten 37 anos. Alí, durante catro horas estivo ameazando con estoupar o edificio en Ourense mentres tiraba cousas pola ventá despois dunha discusión coa súa parella. Mentres os axentes da Policía Nacional trataban de tranquilizalo, o home tamén lles lanzaba coitelos.
En canto chegaron os equipos de emerxencias, a muller recibiu asistencia psicolóxica e abandonou o lugar, mentres o home seguía encerrado na vivenda, desde onde lanzou varios obxectos á rúa.
Os bombeiros, que tamén se desprazaran ata o lugar, mesmo instalaron un colchón de salvamento ao pé do edificio:
"Por se se tiraba. Tamén puxeron unhas cintas para desviarnos por outro lado", explica Lucía Fernández, testemuña do suceso.
A operación comezou ás oito da mañá despois de que a policía fose alertada polos veciños de que había un home "moi agresivo, insultando e ameazando a súa muller". Nun momento dado, os funcionarios forzaron a entrada da vivenda e detiveron o home, ao que acusaron de desorde pública.