En liberdade o veciño de Ribeira que agrediu catro axentes tras unha persecución
Unhas horas antes saíra do xulgado por quebrantar unha orde de afastamento dun familiar e ameazar cun coitelo os policías
A Policía Nacional de Ribeira leva anos pedindo máis efectivos porque teñen unha única patrulla para todo o concello
Vinte quilómetros de persecución, en modo rally, para acabar estampado contra un dos coches da Policía Nacional... Puido ser bastante peor.
"Un indicativo esperouno no cruzamento de Corrubedo con Artes e o individuo quixo atropelar o compañeiro que lle deu o alto, que tivo que saltar porque se non estariamos falando doutra noticia", explica Eusebio Gómez, secretario local do SUP da Comisaría de Ribeira.
Bateu contra o coche policial e tamén contra o valado dunha leira, pero non contento...
"O vehículo quedou coa roda fóra, rebentada a roda e el estaba acelerando o coche a tope, dando marcha atrás para tentar fuxir", engade Gómez.
Reacción desmesurada que foi a peor cando o sacaron do coche.
"Empezou a arremeter con patadas virulentas e cando quixeron interceptarlle as pernas, levantouse e empezou a dar puñazos, alcanzando un dos compañeiros no nariz, provocándolle unha fractura. A outro compañeiro, fisuroulle parte dunha man e os outros dous teñen hematomas importantes", detalla o Secretario local do SUP.
Víñano perseguindo dende Carreira, por estradas cheas de curvas imposibles. Quixérano parar porque saben que conducía sen carné. Leva anos con el retirado, pero tamén leva anos saltando canta norma hai. O día anterior detivérano por un delito ben diferente.
"Estaba quebrantando unha orde de afastamento e no momento no que chegaron os axentes, empezou a falarlles de maneira altiva e con espaventos e houbo un momento no que lle sacou un coitelo", asegura Eusebio Gómez.
O seu currículo é amplo e variado. E volve estar libre, despois de declarar por ir sen carné, por conducir de maneira temeraria e por agredir catro axentes, un co nariz roto. Agresións, por certo, cada vez máis frecuentes.
"Cando ías a unha intervención, normalmente a detención é polo delito que cometeu e agora xa vai parello o delito de agresión ou lesións aos compañeiros. A verdade é que se incrementou moito a violencia contra a policía", lamenta o secretario local do sindicato policial.
Por iso, reclaman ser profesión de risco e tamén porque aumentan os malos, pero non o número de policías. A Policía Nacional cobre toda Ribeira, dende Palmeira a Corrubedo, cunha soa patrulla, día e noite.