Continúan activos trinta e dous puntos de cribado en distintos lugares de Galicia
Permanecen abertos á cidadanía os sete días da semana
A principios desta semana botaban a andar trece puntos novos de cribado de covid mediante tests de antíxenos nas diferentes áreas sanitarias de Galicia, que suman cos xa existentes ata trinta e dous centros de diagnose.
Non só están nas cidades galegas principais, senón tamén en vilas como Lalín. A proba é de balde e na maioría dos puntos sen necesidade de cita previa.
"Teñen que rexistrarse, despois pasan á mesa. Eu explicaríalles o procedemento, da toma de mostra. Tomarían eles a mostra a si mesmos, fariamos o test. Rexistramos o resultado e chamamos cando son positivos, e se son negativos, mandariamos unha mensaxe", explica Aurora Crespo, coordinadora do punto de Lalín.
Desde que se puxo en marcha o luns pasado, neste concello detectouse un 19 % de positividade.
"Onte fixemos 182 tests dos cales trinta e catro foron positivos, indica un dezanove por cento de positividade. Está bastante por debaixo das probas PCR, nas que estamos entre un vinte e oito e un vinte e nove por cento de positividade, e hoxe levamos uns trinta e catro tests con tres positivos", confirma.
Moitas das persoas que se achegan a facer a proba tiveron contacto cun positivo. Os puntos de realización dos tests permanecen abertos durante os sete días da semana.