Empate no derbi galego entre o Parrulo e o Noia (3-3)
A igualada dificulta a clasificación dos dous equipos para o play off
No Parrulo están inmersos nun cambio de ciclo coa chegada ao club de Bruno García
A festa do fútbol sala galego non defraudou. O Parrulo e o Noia disputaron un derbi vibrante, con alternativas e emocionante ata o derradeiro minuto. Comezaron mandando os visitantes cun gol do seu porteiro Schütt ao que responderon os locais co empate de Malaguti ao culminar unha transición. E Diogo, a balón parado, puxo por diante o Parrulo no 16.
Na segunda metade, Rubén Orzaez marcou en propia porta ao intentar despexar un centro ao segundo pau. Pouco despois, Jhoy facía o 3-2 case sen ángulo e un minuto despois Montero volvía igualar o partido.
E chegouse á tolemia do derradeiro minuto. Diogo errou un dobre penalti e logo, como porteiro xogador, evitou o que sería o tanto da vitoria noiesa. O empate non lle serve de moito a ningún dos dous na loita polo play off pero aínda así Galicia é de primeira.
Non rematou a temporada pero o Parrulo comeza unha nova etapa. O seleccionador de Kuwait, o ferrolán Bruno García colle a remuda de Julio Martínez na presidencia logo de 48 anos.